A Feira de Miniciencia expuxo 18 proxectos elaborados por escolares de once centros educativos

O alumando de secundaria expuxo os seus trabamos en CC SS e para este sábado quedan as propostas das familias e a entrega de premios

Alumnado de 5º de Primaria do CPR San José que analizou a discriminación na publicidade. DAVID FREIRE
photo_camera Alumnado de 5º de Primaria do CPR San José que analizou a discriminación na publicidade. DAVID FREIRE

"Se esbirras cos ollos abertos, a presión do corpo fai que os ollos poidan saír das órbitas», explica Sara, alumna de 6º de Primaria do CPR San José, ante un grupo de sorprendidos rapaces do CEIP San Martiño. Esa foi a conclusión dunha investigación na que buscaron información en Internet e puxeron aos compañeiros de clase a esbirrar con diferentes sustancias. "A pementa é a que fai máis efecto", apunta Nuno.

Esta é unha das 18 investigacións que o venres presentaron escolares de once centros educativos da cidade na Escola de Enxeñería Forestal, na primeira xornada de Pontenciencia, que chegou á súa quinta edición con máis participantes que nunca, preto de 500. Ademais de obradoiros e exposicións, a Feira da Miniciencia foi o centro dunha cita que a concelleira de Educación, Carmen Fouces, tildou de "festa da ciencia".

Ela, xunto ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, percorreu os postos onde os cativos, como engado ao propio experimento, expuxeron sabiamente o proceso e resultado do traballo das últimas semanas.

Con case 500 alumnos entre Primaria e Secundaria, trátase da edición con máis participación da historia

Foi o caso do CEIP Santo André de Xeve, cunha das investigacións que máis chamou a atención a Lores. Somos resineiros supón un repaso polo proceso de extracción da resina de piñeiro, que, segundo subliñan Marta e Emma, alumnas de 6º, "segue sendo un traballo artesanal e non contaminante". Alí mesmo contaron con ferramentas como o barrasco, a escoda ou a media lúa e fixeron unha demostración do traballo no propio tronco dunha árbore.

En Ciencia no Cole houbo espazo para todo tipo de experimentos. Inés, Alejandra, Martín, Hugo, Omar, Adrián e dúas Paulas forman o equipo do CEIP Vilaverde que analizou se as merendas de 300 compañeiros influían no seu IMC (Índice de masa corporal) para chegar a conclusión de que non, pero que os pequenos varían máis nas receitas que os maiores.

Marta, profesora do CEE Príncipe Felipe, explicou os resultados da investigación dos seus alumnos: os remedios caseiros son mellores para quitar manchas que os produtos comprados.

O CEIP San Benito de Lérez presentou varias investigacións, desde Neve radiactiva, na que utilizaron os polímeros dos cueiros, ata A propagación das ondas.

Mentres os seus alumnos asistían a un obradoiro científico, Sergio Meis, titor de 6º de Primaria do CEIP de Ponte Sampaio, debullou o resultado das investigacións dos rapaces: A segunda vida dos paraugas, ou como poden converterse en papaventos como unha grande idea de reciclaxe, e Os irmáns Nodal, heroes da navegación, coa que poñen en valor a historia dos navegantes pontevedreses que chegaron ao Novo Mundo hai catro séculos.

Ademais de pequenos científicos, os escolares destacaron como oradores na presentación das súas investigacións

Premios. O CPR Sagrado Corazón presentou catro investigacións. Nunha delas, Murchamento das flores, chegaron á conclusión de que engadindo azucre ou bicarbonato á auga dos xarróns, caraveis e margaridas aguantan máis tempo frescos, segundo explicaron María, Álvaro e Lucía, mentres que o vinagre fai todo o contrario.

A nómina de colexios participantes complétase co CEIP Marcón e o CEIP Froebel. Pola tarde foi a quenda do alumnado de Secundaria, que presentou as súas investigacións na Facultade de Ciencias Sociais.

Este sábado presentaranse as investigacións das familias mentres continúan obradoiros e exposicións. A xornada rematará coa entrega de premios. Nesta edición máis dunha ducia de proxectos de Secundaria optan a catro premios patrocinados por empresas.

Comentarios