Feito, unha empresa de desbroces para fabricar novas oportunidades

A firma, nacida ao abeiro de Rexurdir Provincial, encárgase do mantemento das hortas urbanas do Concello ► O maior pico de traballo prodúcese nos meses previos ao verán para realizar limpezas de maleza nos terreos próximos ás casas
Dous traballadores de Feito facendo labores de mantemento nas hortas urbanas de Monte Porreiro. RAFA FARIÑA
photo_camera Dous traballadores de Feito facendo labores de mantemento nas hortas urbanas de Monte Porreiro. RAFA FARIÑA

Cando unha persoa pasa por un proceso de reinserción social logo de vivir na rúa ou ter algún tipo de problema vinculado coas adicións, resulta especialmente complicado que se reincorpore á vida laboral. "Prodúcese un baleiro no seu currículo que é difícil de cubrir, por iso é importante que nese momento poidan traballar, conseguir experiencia e ter o apoio que precisan neste proceso. Así é máis fácil que o seu ciclo de incorporación á sociedade se complete". Explícao Raquel Mosteiro Fernández, a enxeñeira técnica agrícola da empresa de inserción laboral Feito, xurdida ao abeiro da asociación Rexurdir Provincial, que traballa na inserción de persoas en situación de exclusión social. A empresa leva en marcha dende o ano 2014.

A empresa ofrece a posibilidade de reconectar co mundo laboral despois dunha situación de exclusión social

Un dos traballos que realiza Feito é o mantemento das hortas urbanas do Concello de Pontevedra. Este luns, un dos seus empregados, Luís Filipe, realizaba labores de coidado nas de Monte Porreiro. "Facemos de todo, ultimamente tivemos que adaptar uns bancais poñéndoos máis altos para as persoas que usan cadeira de rodas, que veñen polas mañás a cultivar", explica. Leva dous anos e medio como empregado de Feito e ao cumprir os tres anos terá que deixar a empresa porque remata o seu período de contratación. "Normalmente son persoas que estiveron no piso terapéutico e que, antes de deixalos de repente no mundo real pasan durante un período de tres anos por esta empresa", conta Mosteiro, que asegura que o ideal sería poder ter unha quincena de traballadores, aínda que a carga de traballo non o permite. Tras o seu paso por Feito, Luís Filipe agarda poder atopar emprego noutra empresa. "Gústame este traballo, pero tamén teño unha axuda que está suspendida mentres teña contrato, así que algúns ingresos vou ter aínda que quede no paro", aclara.

Luis Filipe e Santiago Gil estenden terra duns bancais. RAFA FARIÑA
Luis Filipe e Santiago Gil estenden terra duns bancais. RAFA FARIÑA

No caso de Luís Filipe, antes de comezar a traballar en Feito grazas a Rexurdir, foi albanel e, previamente, operario de xardinaría en Francia. "A min gústanme todos os traballos, cando toca desbrozar, cando hai que facer bancais, cando toca ir aos colexios a explicarlles aos pequenos como se cultiva nunha horta... Non teño preferencia", explica. Con el traballa Santiago Gil, capataz formado na escola de capataces de Lourizán que dirixe o traballo de campo. "Agora mesmo estamos só Luis e máis eu, porque nesta época do ano non hai moitos encargos, logo hai momentos puntuais nos que veñen máis traballadores", conta. Eses picos con maior volume de encargos adoita coincidir coa primavera e comezos do verán. "As zonas perimetrais que hai que limpar preto das casas para evitar que o lume chegue a zonas poboadas son moitas e aí a cantidade de traballo sube", explica.

Luís e Santiago traballan nas hortas urbanas de Monte Porreiro. RAFA FARIÑA
Luís e Santiago traballan nas hortas urbanas de Monte Porreiro. RAFA FARIÑA

Así, a empresa atende encargos de particulares que precisan limpar terreos ou levar a cabo labores de xardinaría. Tamén o Concello contrata á empresa para a realización de tarefas deste tipo. Por exemplo, o mantemento das hortas urbanas de Monte Porreiro, pero tamén as de Conde Bugallal ou as de Ernesto Caballero. De feito, Luís Filipe amosa no seu móbil unha fotografía de como foi o proceso de creación dos bancais desta última horta creada polo Concello. "Foi moito traballo, pero fixémolo pouco a pouco e quedou moi ben", apunta o traballador.

Aínda existen reticencias á hora de contratar unha empresa de inserción laboral, malia que os traballos sexan supervisados

"Temos que estar agradecidos ao Concello, porque nos ten en conta á hora de contratar traballos de mantemento, tamén nos encargan a limpeza de sendeiros e camiños ou do entorno da Casa Verde de Salcedo e iso permítenos manter certo volume de traballo. Pero precisamos que se involucren tamén os particulares e nos contraten para talas, podas, desbroces...", explica Mosteiro, que asegura que aínda existen reticencias á hora de contratar a unha empresa de inserción laboral. Neste sentido, destaca que todos os traballadores contan co apoio dun capataz que supervisa o traballo. "E tamén lles damos liberdade, porque co paso do tempo adquiren independencia e son responsables, demostran que poden facer o traballo sós", recorda.

Comentarios