'Felices los cuatro'

Virxinia Pereira? Esa quen é? A muller de Castelao? Do resto da súa biografía nin sabes nin preguntas. Aínda por riba de muller, republicana 
Concentración celebrada o sábado na rúa Virxinia Pereira. DAVID FREIRE
photo_camera Concentración celebrada o sábado na rúa Virxinia Pereira. DAVID FREIRE

Imaxina que es un señoro facha (perdón, un cabaleiro como Deus manda de ideas conservadoras) e que veña o alcalde da túa cidade (digo, o Pleno do teu Concello, cos votos en contra do PP, por aquilo da presunción de inocencia "y porque no podemos juzgar por un artículo periodístico, o de El País", que destapou as regularizacións do emérito) a cambiarlle o nome á rúa na que vives e que tes moi presente en cantas cartas entran na túa caixa de correo (basicamente facturas, cartas de amor non recibes).

Imaxina que vén este home, ese mesmo tipo que levas aguantando máis de 20 anos quitando coches e poñendo lombos, e a súa cuadrilla de concelleiras feministas e tiran abaixo coa placa daquel monarca intachable ao que lle debemos a democracia (quero dicir, daquel señor que foi rei e que agora está inmerso en presuntas irregularidades fiscais amén de terse exiliado a un país dubidosamente alérxico a esa democracia que el tanto defendeu) para poñerlle outra co nome dunha tal Virxinia Pereira. Quen? Quen é esa? A muller de Castelao. Do resto da súa biografía nin sabes nin preguntas. Por iso, por suposto, na túa mente este non é mérito suficiente para darlle nome nin a unha rúa nin a nada. Porque o mérito, en tal caso, sería do home, aínda que sendo un rojo nacionalista tampouco merecería esta honra. E, aínda por riba de ser unha descoñecida muller de, é unha republicana. O teu cerebro está a piques de estourar.

Así que como polos cauces legais non tiveches moito éxito, decides que o mellor é saír á rúa. Claro que si, como fixeron aqueles perroflautas hai dez anos e mira ti, parecían catro matados durmindo nunha tenda de campaña con catro pancartas mal feitas e un deles acabou de vicepresidente do Goberno de España (España!) con coleta e outra de alcaldesa de Barcelona. Malditos cataláns. Debe ser que isto das manifestacións na rúa funciona. Viva a liberdade de expresión, claro que si.

Entón organizas unha destas quedadas. Moves o asunto polas redes sociais, avisas á prensa e o sábado á tal hora apareces no lugar sinalado. Chove. Chove bastante pero dá igual porque levas paraugas e non lle tes medo á chuvia. Porque o importante é que levas a túa máscara coa bandeiriña de España (España!), aínda que sexa mal posta e che tape un pouco os ollos. Total, para o que hai que ver. Sodes catro. Catro contados. Ata poderiades ser seis non convivintes e non estar incumprindo a normativa fronte á covid. Os catro xinetes da Apocalipse. Os catro fantásticos. Felices los cuatro. 

Comentarios