O feminismo bate coa fenda trans

Tras mobilizacións históricas, este 8M chega cun debate sobre a autodeterminación de xénero
giphy
photo_camera Eva Ventín e Ada Otero. DP

Foron anos de mobilizacións históricas que puxeron a axenda feminista de actualidade. Un movemento que se revelou imparable en 2018 chega a un novo 8 de marzo dividido polo profundo debate interno a conta da autodeterminación de xénero da Lei Trans proposta polo Ministerio de Igualdade.

Para entender o conflito é preciso afondar no núcleo da teoría feminista e nas definicións de sexo e de xénero. Deste xeito, o sexo serían as características físicas e biolóxicas e o xénero as construcións sociais, crenzas e roles que se lle aplican aos individuos en función do seu sexo. Neste sentido, o feminismo entende que o xénero é unha construción que debe ser abolida porque establece privilexios para uns e opresión para outras.

Tendo a abolición do xénero como obxectivo, non tería sentido a autodeterminación de xénero, xa que, unha parte do feminismo considera que non é unha elección, senón un molde que se impón e do que cómpre desfacerse.

No medio do debate están as persoas do colectivo trans, especialmente as mulleres trans. O feminismo transinclusivo entende que a loita por acabar cos estereotipos de xénero non se debe contrapoñer aos dereitos das persoas trans, que lamentan que este debate cuestione a súa propia existencia en demasiadas ocasións.

Ada Otero, xurista e activista feminista, foi a primeira muller trans en formar parte dunha candidatura municipal polo PSOE en Pontevedra. Está a favor da autodeterminación de xénero. Pola súa banda, Eva Ventín, presidenta da Rede Galega pola Igualdade (REGAI), amosa as súas reservas ao respecto.

Ada Otero, xurista e activista trans: "Somos as máis interesadas en abolir o xénero"

Por que é importante que a nova Lei Trans recolla a autodeterminación de xénero?

Ata agora estabamos obrigando por lei ás persoas a modificar os seus corpos aínda que estean cómodas con eles e a pasar exames médicos que están baseados en estereotipos sexistas. Atopamos moitas persoas que non encaixan neles, que se ven na obriga de modificar os seus corpos para acadar un dereito fundamental como o de que a documentación se corresponda coa súa identidade.

Ada Otero. ADPQuen se opón a esta lei argumenta que se calquera se pode declarar muller, o concepto muller desdebúxase. Fálase de borrado das mulleres.

Non ten sentido porque o concepto de sexo perdura. Hai persoas trans que tamén son mulleres e van identificarse como tal, pero non entendo de qué forma se poden borrar ás mulleres. O concepto de muller non vai deixar de ter sentido sempre que siga existindo o sexismo. Temos como proba países que levan anos con lexislación que recolle a autodeterminación de xénero e non desapareceron as mulleres nin o movemento feminista.

O que critica unha parte do feminismo é que con esta lei o xénero se perpetúa no canto de camiñar cara á súa abolición.

Eu creo que é unha incoherencia. O colectivo trans é o máis interesado en abolir o xénero, pero mentres temos que vivir. O xénero implica moitas consecuencias, tanto para as persoas cis, como, especialmente, para as persoas trans, que son as que máis o sofren. Non podes condenar a un colectivo á exclusión social, a violencias, a problemas laborais... simplemente porque estamos pensando nun obxectivo a un prazo longuísimo.

Se lle dicimos a un neno que por gustarlle as bonecas é unha nena quizais se estea perpetuando ese rol. 

Pero esta lei plantexa precisamente o contrario, que se supriman eses tests psicolóxicos nos que preguntan se xogas con coches ou con bonecas para decidir o teu xénero. O colectivo trans é dos que máis loitou por que non se fixeran ese tipo de asuncións.

Hai descoñecemento desta lei?

Non só adoitan falar persoas que demostran descoñecemento das leis, senón que aínda sendo xurista, tes que achegarte á realidade trans porque é moi descoñecida. Hai moitos medos que non son tal. As mulleres trans, por exemplo, xa comparten espazos nos cárceres femininos e non se deron casos de agresións. Hai que ser serios e basearse na realidade material, non nos medos que nos inventamos. Parece que o risco de meter a unha muller trans nun cárcere con homes non preocupa tanto. Ademais, existen mecanismos para evitar eses posibles casos de fraude dos que se fala, que non se van dar. A ningún home cis lle vai interesar declararse muller.

Vostede formou parte da candidatura socialista ao Concello de Pontevedra. Agora o PSOE amosa moitas reservas cara ao anteproxecto da Lei Trans. Séntese decepcionada?

Eu non milito no PSOE. Por parte do partido en Pontevedra non detecto estas posturas, pero a propia Carla Antonelli, que si que é militante, leva tempo sinalando ese tipo de argumentos que non entende porque o propio PSOE comprometeuse a isto e fixo unha proposta de modificación da lei de 2007, precisamente en aras a autodeterminación de xénero. Non é que eu me sinta decepcionada, é que eles deberían sentirse uns hipócritas e incoherentes.

Eva Ventín, presidenta da Regai: "Este lei déixanos ás mulleres sen amparo"

Que reservas lle produce o anteproxecto da Lei Trans?

Evan Ventín, presidenta da Regai. DPAntes quería facer unha serie de puntualizacións. A Rede Galega pola Igualdade (REGAI) xa no seu momento manifestou, a través dun documento que presentou no Ministerio de Igualdade, a súa oposición a modificar a lei que xa existe. As mulleres non fomos escoitadas en relación a unha das leis que máis impacto ten sobre nós. Non existe ningunha feminista que se opoña aos dereitos das persoas transexuais. Apoiamos políticas específicas que as protexan. pero non podemos aceptar que, para protexer a un colectivo, se nos recorten dereitos e espazos e perdamos o camiño andado pola igualdade. Esta lei déixanos sen amparo.

En que lle pode afectar a unha muller que non sexa trans esta lei?

O mundo do deporte, por exemplo, vaise ver moi afectado. Se un home pode dicir que é unha muller e competir en categorías femininas, vai expulsar ás mulleres dese espazo porque fisicamente ten máis forza. Estase confundindo sexo con xénero. O sexo é a palabra clave en normas como as dirixidas a combater a violencia contra as mulleres. Preguntámonos, por exemplo, que vai pasar con accións de discriminación positiva a favor das mulleres se calquera pode ser muller só coa súa palabra?

Entendo que seguirán existindo.

Claro, pero a clave da discriminación é o sexo. Vai haber unhas consecuencias xurídicas. A categoría de sexo serve para paliar a discriminación que sufrimos por ser mulleres. Esta lei véndese como un avance para as persoas transexuais e non é certo. Non se amplían os seus dereitos. Xa se permite cambiar o nome e o sexo sen unha operación cirúrxica. O obxectivo real é cambiar a documentación a unha persoa que non sexa transexual nin presente disforia de xénero.

A que home lle vai compensar cometer esa fraude para formar parte dun colectivo claramente discriminado?

Se cadra a un home vaille ben declararse muller mantendo a súa apariencia masculina para beneficiarse de certos recursos e espazos que ata agora eran para as mulleres, como as cotas. Claro que as persoas trans non teñen privilexios e esta lei tampouco as beneficia.

Benefíciaas, por exemplo, en que se simplifican os trámites para o cambio de sexo na documentación.

Non é abondo coa libre determinación da identidade de xénero. Calquera de nós ten que acreditar a súa situación. Unha persoa orfa ten que demostrar que o é e cumprir uns requisitos para que se lle declare como tal e acceder a certos dereitos.

Hai algún punto de acordo nesta lei?

En principio non. Porque vai cara ao borrado das mulleres e non podemos compartila. A violencia que sofren as persoas transexuais non ten que ver coa que sufrimos as mulleres.

Hai outros países nos que leis deste tipo están xa aprobadas dende hai anos.

Si, agora non me acordo exactamente, pero hai países que, como Reino Unido, están botándose para atrás.

Hai algunha proposta da REGAI para mellorar a vida do colectivo trans que poida supoñer un avance de cara ao entendemento?

De momento aínda estamos debaténdoo. O que non imos aceptar é perder dereitos. O que nos parece importante tamén é que as persoas transexuais teñan un acompañamento psicolóxico que esta lei lles retira, por iso dicimos que non é unha lei que as beneficie.