"O feminismo é a cura: A auténtica ditadura é a machista e patriarcal"

Susana Pedreira defende, no manifesto do Concello, o papel do movemento feminista fronte aos "negacionistas" 
A pancarta do 8-M que se despregou no Pazo do Concello. DAVID FREIRE
photo_camera A pancarta do 8-M que se despregou no Pazo do Concello. DAVID FREIRE

"A crise da covid-19 lembroulle ao conxunto da sociedade quen desempeña os traballos esenciais para soster a vida". Foron as mulleres. "É innegable que o dos coidados é un traballo feminizado e, ademais, maioritariamente sen remuneración algunha, aforrando custes a un sistema que expulsa ás mulleres do ámbito público para relegarnos á invisibilidade do privado". Cunha reflexión apegada ao que supuxo a pandemia da covid en termos de igualdade, a xornalista Susana Pedreira comezou o venres a lectura do manifesto que o Concello de Pontevedra lle encargou con motivo do 8 de marzo. Ao non poder realizarse un acto público por mor da medidas de seguridade sanitaria, a lectura foi gravada e será compartida nas redes da Administración local a partir do próximo luns, Día da Muller.

"O feminismo é a cura", asegurou Susana Pedreira. "Mesmo para os negacionistas, para eses que malgastan enerxías querendo desfacer a Lei de Violencia de Xénero (...), falando dunha suposta ditadura do pensamento único ou das supostas mentiras do feminismo. Falacias que se desmontan poñendo nomes e apelidos ás 1.082 mulleres asasinadas pola auténtica ditadura, a machista e patriarcal": 

A xornalista referiuse ao carácter solidario do feminismo, que mesmo aspira a cambiar o mundo para quen se posiciona na súa contra, "para que os seus fillos teñan referentes femininos en todos os ámbitos e referentes masculinos mellores ca eles". 

ESPERANZA. Susana Pedreira defendeu os logros acadados polo feminismo ao longo da historia -"eu estou lendo este manifesto vestida cun pantalón grazas ao feminismo", dixo- antes de enumerar algúns dos asuntos clave que impiden achegarse a unha igualdade real na actualidade: a precariedade laboral, a fenda salarial, "o cárcere dos coidados", os teitos de cristal "que se volven de cemento armado en tantos sectores", "a violencia, que si ten xénero"... A xornalista asegurou que o feminismo seguirá plantándolle cara á desigualdade. "E non é unha ameaza, é un berro de esperanza". 

Rematada a lectura do manifesto, Susana Pedreira acompañou a representantes de todos os partidos políticos de Pontevedra na descuberta da pancarta do 8-M que colga, dende este venres, do balcón do Pazo do Concello, un traballo da deseñadora Maru Astray.


As concelleiras de Pontevedra irán á folga do 8-M
As concelleiras de Pontevedra farán folga o vindeiro luns. Segundo comunicou o Concello, o conxunto das mulleres do Goberno municipal, tanto as do BNG como as do PSOE, xunto coas do Gabinete da Alcaldía, secundarán a folga de 24 horas que promoven diversos colectivos feministas e sindicais o vindeiro 8 de marzo. Desta maneira, quedarán suspendidas as axendas públicas e de xestión das distintas concelleiras, "que pretenden desta maneira contribuír á visibilización da relevancia do papel da muller en todos os eidos da vida política, social, laboral e privada".
Igualmente, o Concello informou de que desde o Servizo de Persoal tamén se estableceron servizos míninos para facilitar que as traballadoras municipais que decidan secundar a folga, e non acudir ao seu posto de traballo o vindeiro luns, poidan facelo.
Dende o Goberno local lémbrase que entre as reivindicacións deste ano están as relacionadas co aumento da desigualdade derivado da pandemia, entre outras, o incremento da fenda salarial entre homes e mulleres e das taxas de precariedade e temporalidade entre mulleres.