martes. 22.09.2020 |
El tiempo
martes. 22.09.2020
El tiempo

"O feminismo deu un salto. Hai que aproveitalo"

A escritora e editora Anaír Rodríguez no recuncho que se lle adicou no Salón do Libro. DAVID FREIRE
A escritora e editora Anaír Rodríguez no recuncho que se lle adicou no Salón do Libro. DAVID FREIRE

Entrevista con Anaír Rodríguez, autora de 'Pioneiras'. Traballadora da editorial Xerais, reuníu doce biografías de galegas precursoras nun libro para a cativada. "Botábase en falta algo así".

A primeira muller futbolista nun equipo de homes, a primeira muller camioneira e a primeira correspondente de guerra foron galegas?

Sempre cinguíndonos a un ámbito xeográfico concreto. Non falamos en termos absolutos, salvo nalgún caso. Especifícase no texto se se trata da primeira muller no ámbito estatal ou no ámbito galego. En todo caso, si que foron todas pioneiras porque foron das primeiras en todo o que fixeron.

Como nace a idea de ‘Pioneiras’?

Pois nace da constatación de que, a nivel social, seguimos a ter moito descoñecemento sobre as contribucións das mulleres á historia. Esa eiva prodúcese a nivel xeral e, en concreto, no sistema cultural galego faltaba un libro destas características que puxese en valor grandes figuras  que non eran suficientemente coñecidas.

En todo caso, ¿moito mellor calquera delas como referente que as princesas dos contos?

O que si sabemos é que os estereotipos de xénero que están tan presentes nos contos tradicionais, nos contos de princesas, si que limitan, dalgunha maneira, as expectativas das nenas. Eu non creo que haxa que escapar deses contos pero, dende logo, o que hai que facer é proporcionar novos referentes tanto para as nenas como para os nenos. Porque é moi importante que os nenos perciban que as mulleres somos moito máis diversas a como a sociedade nos amosa.

Encabeza o seu libro aquel titular demoledor saído dun estudo da revista Science: "As nenas crense menos brillantes que os nenos a partir dos seis anos".

Así empezamos o libro porque esa é a realidade aplastante coa que temos que convivir. Unha das razóns para que iso suceda é precisamente a falta de referentes. Estou convencida. Faltan referentes na televisión, nos medios en xeral, na literatura, nos libros de texto... Todo iso conduce a esa percepción subordinada que acaban tendo as nenas de si mesmas.

Vostede ten traballado precisamente editando e elaborando libros de texto. ¿Esa denuncia sobre a invisibilidade das mulleres neles ten razón de ser?

Claro que si. É unha realidade coa que nos enfrontamos dende a edición no día a día. E é moi importante intervir aí, por exemplo, seleccionando fotografías de mulleres, para que se visualicen mulleres reais, para que se vexan. Porque o curriculum educativo segue sendo moi androcéntrico e iso séguese trasladando aos libros de textos. O que pasa é que o cambio ten que ser moito máis profundo, ten que ser a nivel social, para que se produza un cambio real.

A publicación de Pioneiras coincide na rúa con outro título cunha idea similar de enorme éxito, Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes. Algo está cambiando no mundo editorial?

Eu creo que si. Estes libros son síntoma de que a sociedade está cambiando. Ao final son produtos do movemento feminista. Dá unha idea de como o pensamento feminista está calando en sectores máis amplos da sociedade, cando antes estaba, quizais, máis limitado a ámbitos máis militantes ou académicos. Esta forte demanda, porque é unha demanda que confirman os éxitos editoriais nos que se converteron materiais deste tipo, reflicte que estamos nun momento no que as mulleres, e tamén os homes, esixen coñecer esa parte da historia que nos foi negada. Hai un cambio, si. Estase producindo pouco a pouco.

Faltan referentes nos medios de comunicación, na literatura, nos libros de texto... Todo iso conduce á percepción subordinada que as nenas teñen de si mesmas

A profesora feminista Silvia Federici recoñecía, hai uns días, que viviamos un momento histórico, tras movementos como o do #MeToo ou da folga do último 8-M. Parécello tamén?

Si, eu diría o mesmo. O meu achegamento ao feminismo é de hai tempo. Levo anos formándome, lendo e entrando en contacto con outras mulleres feministas. E é certo que a sensación antes era de que isto era unha cousa dunhas poucas de nós, que o debate non estaba na rúa. E nestes momentos si que se percibe que os medios de comunicación son máis sensibles, que celebridades como actrices ou cantantes tamén se din feministas, que unha gran cantidade de xente nova apoia o movemento como vimos o 8 de marzo na rúa... Deuse un salto. A mensaxe está calando en todas as capas sociais e está chegando a moita máis xente. O discurso é hoxe moito máis hexemónico. É algo que hai que aproveitar. Hai que conseguir que esas demandas se convirtan en feitos, que se tomen decisións políticas neste sentido.

Antes falaba da importancia que tiña que as mulleres "se viran". Vostede elexíu á ilustradora Nuria Díaz para retratar ás protagonistas de Pioneiras.

Pensei nela dende o primeiro momento para que acompañase os textos e lle dese a súa impronta ao libro. Porque era un traballo para nenas e nenos, pero eu non quería que fose infantil. Quería que calquera persoa que o lese atopase información valiosa. Nese sentido, as súas ilustracións son perfectas. O seu traballo mellora o proxecto. Dálle personalidade ao libro.

Ten algún perfil favorito entre todos os que escolleu?

Todos son fascinantes. É incrible que foran capaces de facer o que fixeron. Pero é certo que eu sinto especial preferencia por esa moza da Coruña, Irene González, que nos anos 20 xogaba de porteira dun equipo de fútbol masculino. E do que chegou a ser capitá. E que fundou o seu propio equipo. É o exemplo da valentía, da capacidade de poder romper barreiras. Xusto ademais, nun mundo como o do fútbol que segue a ser, a día de hoxe, tan masculinizado.

"O feminismo deu un salto. Hai que aproveitalo"
Comentarios