Fenosa comprométese a revisar con lupa toda a súa rede para evitar novas avarías

A empresa destaca que as melloras desenvolvidas nos últimos anos situaron a Pontevedra entre as cidades con mellor calidade no servizo
2019090612131112700
photo_camera Reunión mantida entre Cores Tourís e representantes de Naturgy. DP

O grupo Naturgy (ao que pertence UFD -antiga Unión Fenosa-) sacou onte peito da calidade do servizo que presta en Pontevedra e lembrou que as melloras acometidas nos últimos anos na rede eléctrica supuxeron tal mellora no subministro que situou á cidade entre as primeiras de España segundo a medición oficial que ten en conta o número de interrupcións, os clientes afectados e a duración das mesmas.

Esta afirmación tivo lugar durante o encontro que o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, mantivo onte con representantes de Naturgy para analizar as actuacións que se están a realizar para a mellora da calidade do subministro eléctrico na provincia.

No encontro estivo presente o director de UFD en Galicia, Julio Gonzalo, e o xefe territorial de Economía, Emprego e Industria en Pontevedra, Ignacio Rial, e o delegado de UFD na provincia de Pontevedra, Francisco Ramos.

Durante o mesmo, repasouse a calidade do subministro na provincia e deuse seguimento ás actuacións de mellora que se están a desenvolver. Tamen se revisaron os plans de mellora da calidade no Morrazo e no Salnés.

UFD trasladou á Xunta que a maioría das obras previstas nos devanditos plans xa se atopan finalizadas, quedando só pendentes as obras de mellora en Punta do Couso, na península do Morrazo, e os traballos nas liñas eléctricas que se alimentan dende a subestación de Nantes, en Sanxenxo. Nese contexto, UFD anunciou que xa se iniciou a obra de Punta do Couso e que proximamente comezarán as obras da saída a Meaño.

ÚLTIMAS AVARIAS. Outro dos temas que se abordaron onte foron as incidencias acaecidas este verán no concello de Pontevedra, sobre todo as dos días 27 de agosto e 1 de setembro, que afectaron ao núcleo urbano. UFD informou de que as distintas incidencias durante o verán foron analizadas e amosou a súa total disposición para compartir os plans de acción, tanto co Concello como coa administración autonómica.

Dende a Xefatura Territorial pediuse a UFD a revisión das instalacións que puideran ter similitudes ás afectadas durante este verán, de cara a avaliar a súa fatiga e a súa posible substitución.

A eléctrica acordou informar puntualmente á Delegación Territorial dos resultados destas actuacións e comprometeuse a facer un seguimento intensivo de tódalas incidencias que se produzan na cidade do Lérez, de cara a que a Xefatura Territorial estea informada destas actuacións de mantemento e poida facer tamén un seguimento propio das incidencias acaecidas.

Comentarios