Fernández insta a Feijóo a iniciar "xa" o diálogo para a limpeza dos colexios

O tenente de alcalde de Pontevedra amósase “moi preocupado” ante “a situación desesperada dos pais" en vésperas de que se inicie o curso
Tino Fernández, nun encontro mantido en xuño cos directores dos centros. DP
photo_camera Tino Fernández, nun encontro mantido en xuño cos directores dos centros. DP

O tenente de alcalde de Pontevedra e concelleiro de educación, Tino Fernández, amosouse este sábado “moi preocupado” ante a actitude de "desidia e pasotismo" que, ao seu xuízo, mantén a Xunta cos concellos e a comunidade educativa ás portas do inicio do curso escolar.

O edil socialista insta por iso ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, "a depoñer a deriva autoritaria e insolidaria na que está inmerso dende a xornada electoral”. Tamén lle pide "iniciar xa" o diálogo para chegar a un acordo co Concello “baseado na coordinación e a corresponsabilidade” para a limpeza dos centros educativos. "Aínda estamos a tempo de facer as cousas sen imposicións. Os concellos non imos ser os paganinis duns protocolos draconianos, asumindo competencias que non son nosas", sinalou Fernández.

O socialista referiuse tamén a unhas declaracións da conselleira de Educación, Carmen Pomar,  nas que considera que “bota balóns fóra e pide responsabilidade aos concellos”. Ante iso, Fernández afirmou que "aquí non falta ningunha responsabilidade, o que faltan son cartos". A limpeza dos colexios suporá para o goberno local “un sobrecuste de case un millón de euros, se non se inclúen os ximnasios, e por enriba dos dous millóns de euros ao incluír os ximnasios”, apuntou.

Na súa opinión, "é de xustiza que a Xunta afrouxe o peto, xa que as comunidades autónomas van recibir uns 2.000 millóns de euros do Estado". “Se Feijóo quere –apunta– podemos chegar a un acordo baseado na corresponsabilidade, pero non aceptaremos imposicións”. Neste sentido, Tino Fernández lamentou que non houbese "nin unha soa conversa sobre un asunto tan importante"

Finalmente, o tenente de alcalde denunciou a "situación desesperada de nais e pais, aos que están practicamente acurralando na incerteza e que van iniciar o curso sen comedores escolares e sen Plan Madruga". No primeiro caso veríanse afectados uns 1.100 nenos en Pontevedra e no segundo, uns 400.