Fernández-Valdés, Fernández Guerra e Carretero virán a Conversas na UVigo

O ciclo de encontros da Vicerreitoría do Campus e de Diario de Pontevedra recupera a presencialidade, con acceso moi limitado debido ás medidas sanitarias
Teresa Fernández-Valdés, Ricardo Fernández Guerra e Nacho Carretero. DP
photo_camera Teresa Fernández-Valdés, Ricardo Fernández Guerra e Nacho Carretero. DP

Conversas na UVigo recupera o seu formato presencial. A sétima edición deste ciclo de encontros, que tivo que pasar a desenvolverse en liña durante a pandemia, volverá á Casa das Campás este mes. Faráo con acceso moi limitado (15 persoas) e só con invitación, debido ás medidas sanitarias. A produtora Teresa Fernández-Valdés falará coa xornalista María Varela nesta primeira charla. En maio será a vez do mestre do Carlos Oroza Ricardo Fernández Guerra que compartirá espazo coa tamén xornalista Chus Gómez e en maio, a do escritor Nacho Carretero co columnista Rafa Cabeleira.

"Vivimos unha situación extraordinaria e temos que adaptarnos a ela", explica o coordinador desta proposta desenvolvida pola Vicerreitoría do Campus e polo Diario de Pontevedra, Ramón Rozas. "Rematamos a anterior edición e iniciamos esta con outro formato, telemático, realizando as conversas na propia redacción do xornal sen público, pero a nosa intención, todo o tempo, foi a de recuperar a relación directa cos cidadáns, na medida na que se puidese facer. Porque o segredo e o gran valor deste tipo de encontros é precisamente o de achegarse a vivir en directo un encontro con persoas que teñen cousas que contar".

O crítico de arte e coordinador de Conversas na UVigo defende a idoneidade desta proposta en tempos de ruído como os actuais. "Eu sempre son partidario de crear espazos de pensamento e de reflexión, de ofrecerlle á xente a posibilidade de sentar un anaco a escoitar con calma a alguén", explica. "Viviamos xa uns tempos demasidado frenéticos. Chegou a pandemia e seguimos estando nun estado de tensión permanente. Por iso é importante contar con estes pequenos acubillos nos que achegarse a escoitar xente próxima a nós, que ten vinculación coa cidade ou coa contorna e que moitas veces non temos oportunidade de oír máis alá do seu ámbito profesional".

Ramón Rozas: "É importante contar con estes pequenos acubillos nos que achegarse a escoitar a xente próxima a nós, vinculada á cidade"

Ramón Rozas foi precisamente o encargado de conducir a primeira charla da sétima edición de Conversas na UVigo. Falou co actor e monologuista David Amor. Tras o parón de marzo, no que o último martes do mes coincidiu coa Semana Santa, recupérase a actividade este mes coa produtora Teresa Fernández-Valdés, socia fundadora de Bambú, responsable de éxitos da televisión como Fariña. Será o 27 de abril.

Seguiralle, o 25 de maio, o docente da especialidade de cociña e pastelaría do CIFP Carlos Oroza Ricardo Fernández Guerra. A última conversa antes do verán, o 29 de xuño, será co xornalista Nacho Carretero, autor de libros como Fariña (no que precisamente se baseou a serie de Bambú) e En el corredor de la muerte.

CONVIDADOS. "Estou moi contento cos convidados que aceptaron ao longo de todas estas edicións participar nesta proposta", di Ramón Rozas. "É un esforzo moi importante o que se fai, sobre todo por parte dos xornalistas que realizan as conversas. Sobrecárganse de traballo por participar neste proxecto e iso é algo que eu agradezo moito. Son eles os que escollen A persoa coa que van falar porque lles parece interesante".

Segundo sinala, un dos valores de Conversas na UVigo é precisamente a variedade que resulta deste xeito de traballar. "A min sempre me pareceron todos os convidados moi interesantes a priori, pero aínda máis ao escoitalos. Porque hai un elemento de sorpresa, que posiblemente ten que ver co formato presencial. O resultado é este: conversas moi variadas e sorprendentes".

Comentarios