Pontevedra brinda con Ginebras no último día de Con voz de muller

As actuacións de La Mosca Valiente e Flip Corale no festival de O Son Local completaron unha nova xornada musical na cidade
Ginebras. ANXO LORENZO
photo_camera Ginebras. ANXO LORENZO

A voz en off foi a primeira en chegar ao escenario da Ferrería: "Señoras, señores, va a dar comienzo el concierto de Ginebras. Rogamos a los asistentes que disfruten, salten y muevan el booty como si no hubiera un mañana". A xente, obediente, non tardou nin o primeiro acorde de guitarra en cumprir a petición. O Crystal Fighters da banda formada por Magüi, Sandra, Raquel e Juls invadiu a escena e contaxiou a unha praza que este mércores rexistrou un dos cheos do verán. Un final á altura desta edición da iniciativa Con voz de muller.

A actuación de Ginebras, iso si, non foi a única que tivo lugar este mércores. O Son Local viviu unha nova xornada de música cos concertos de La Mosca Valiente e Flip Corale.

Os primeiros, citados nun comezo na Rúa dos Laranxos, acabaron por concretar a súa función en García Flórez. O grupo, formado por Rodrigo Valiente na voz e na guitarra e Marcos Flai na percusión, deu inicio á súa actuación cun tema propio (¿Por qué estáis tan raros?) que logo cedeu o testemuño a versións de pezas tan coñecidas como Me dejó marchar de Coque Malla.

O dúo Flip Corale, pola súa parte, atracou na Rúa da Cruz Vermella para regalarlle ao público presente, como eles mesmos dixeron, cancións de taberna e de piratas. Armados coas súas guitarras e tamén cunha harmónica que se intercalaba coas súas voces, o grupo fixo as delicias da xente con temas como Verano muerto ou Whisky en mi lugar. Un whisky co que brindaron con todos por un bo final de verán: "Salud, amigos y amigas, y también buena fortuna".