A Ferrería si quería rock and roll

A artista estadounidense Samantha Fish foi a encargada de poñer o punto e final a unha 28º edición do Festival de Jazz que volvía tras dous anos de ausencia pola pandemia
Samantha Fish, antes de soltar a melena. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Samantha Fish, antes de soltar a melena. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Samantha Fish mirou o público e preguntou se esa noite querían rock and roll. Foi unha pregunta trampa: antes de realizala, xa dera comezo a un concerto no que as súas primeiras palabras tocáranse coa guitarra e non coa voz. Un escenario dominado polo fume, cuns clarescuros azuis e vermellos, foi testemuña do que lle esperaba esa noite á Ferrería de Pontevedra.

O público, que unha vez máis encheu todas as localidades ficticias dunha praza que preferiu estar de pé, xa contestara á pregunta da artista de Kansas City antes incluso de que puidese facela: fixérao con aplausos, cunhas palmas que intentaban seguir —con máis ou menos éxito— o electrizante ritmo da estadounidense.

Fish e o seu grupo, no ensaio previo ao concerto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Fish e o seu grupo, no ensaio previo ao concerto. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Samantha, claro, non estivo soa: ao seu carón, amplificando un son que xa de por si contaba coa suficiente potencia como para facer mover as cadeiras da Ferrería, atopábanse o baixo de Ron Johnson, os teclados de Matt Wade e a batería de Sarah Tomek. Unha simbiose instrumental que amosaba por que as bandas non son soamente o atrezzo do seu líder, senón que actúan como retroalimentación dunha música na que non hai corpos estraños: máis ben, partes dun corpo que coa práctica acaba por funcionar ao ritmo dun mesmo latexo.

A súa actuación, nunha praza que a propia estadounidense bautizou como "Ferrería Square", pechaba o retorno dun Festival Internacional de Jazz e Blues que levaba xa dous longos veráns sen poder celebrarse. A pandemia do coronavirus, esa que dalgunha maneira se converteu nunha paréntese obrigada para o funcionamento do mundo, deixara o contador do festival paralizado na súa 27º edición.

Este domingo, por fin, o número chegou a 28º. E fíxoo con cinco días de cheo nos que Jeffery Davies Quartet, André B. Silva, Andrea Motis, Ida Nielsen e a propia Samantha Fish volveron a demostrar, á propia maneira de cada un dos artistas, por que o jazz funciona tan ben como banda sonora do verán. Un verán que segundo o escritor e columnista Manuel de Lorenzo non é unha época acotada do ano, senón un estado de desconexión. Unha liña de tempo que se debuxa distinta en cada vida e que chega ata onde esa propia vida —ou a esa propia vida— permítelle chegar. E, desde logo, como amosou esta volta aos escenarios, o verán é un pouco máis verán en Pontevedra cando soa o jazz na Ferrería.

Comentarios