A festa dos calacús enche de vida a noite dos defuntos

Nenos e maiores pasárono de marabilla creando caras terroríficas, orixinais e divertidas e colocando candeas acendidas no seu interior para facelas aínda máis vistosas

Se os anglosaxóns teñen a festa de Halloween e gozan destes días disfrazándose de personaxes terroríficos e adornando as portas e as fiestras das casas con cabazas, os galegos teñen o Samaín, unha cita moito máis autóctona que non lle ten nada que envexar ás celebracións estadounidenses que conseguiron tanta fama grazas ao cine e a televisión.

A Praza da Verdura foi este luns un claro exemplo. Alí tivo lugar a Noite dos Calacús, unha actividade promovida polo Concello capitalino, aberta ao público e gratuíta, na que o divertimento central foi a decoración de cabazas.

Nenos e maiores pasárono de marabilla creando caras terroríficas, orixinais e divertidas e colocando candeas acendidas no seu interior para facelas aínda máis vistosas.

Ademais, o casco vello da cidade encheuse de vida e foron moitas as persoas que saíron a gozar da noite aproveitando que este martes é festivo polo día de Todos os Santos.