Festa con libros, paseos e música jazz

A Festa dos Libros reuníu na Praza da Ferraría a autores como Marga Tojo ou Diego Ameixeiras

Paseo literario. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Paseo literario. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A xornada central da Festa dos Libros recibiu este sábado a multitude de curiosos que se achegaron a botar un ollo ás novidades editoriais que os libreiros da cidade decidiron sacar á rúa. "Moita xente párase a botar un ollo, pero mercar mercan poucos", contaba un dos vendedores.

O día do sábado reuniu na Praza da Ferraría a autores como Marga Tojo ou Diego Ameixeiras, que ofreceron relatorios sobre as súas obras. Deste xeito, a primeira falou das obras Cara de velocidade e Maternidade fóra de catálogo. Ameixeiras, pola súa banda, presentaba a súa nova novela A crueldade de abril. Ademais de subir á palestra para falar das súas obras, os convidados asinaron exemplares nos stands das librerías. Na tarde do sábado tamén estivo na Festa dos Libros Manel Loureiro, que ofreceu a conferencia Escribir unha novela ou escribir televisión: a mesma cousa pero totalmente distinta. Ademais, Susana Arins, Lara Rozados e Carmen Fouces protagonizaron un coloquio sobre feminismo e literatura. Pasaron tamén pola feira Rafa Cabeleira, David Pintos e Marcelino Agís Villaverde. Para rematar a xornada, actuou o grupo musical Azul de Bueu.

Pero ademais das actividades vencelladas directamente cos libros, durante a mañá e a tarde houbo tamén obradoiros para nenos e unha actividade para ensinar a escribir de xeito creativo impartida por Eva Mejuto e que tivo lugar no Savoy Restobar.

A feira pecharase na noite deste domingo, pero durante toda a xornada haberá unha ampla programación

Por outra banda, a escritora e xornalista Montse Fajardo ofreceu un Paseo pola Pontevedra Literaria. Esta é a segunda edición destes encontros que protagonizan autores da cidade cuxas historias transcorren na Boa Vila. Deste xeito, Fajardo fixo un percorrido polos lugares da cidade que gardan relación coas súas publicacións Un cesto de mazás e Matriarcas. Así, falou de persoas que, máis alá dos libros, existiron na vida real, como Josefina Arruti, Amalia Limeres ou Manuela "a Bichona". Trátase dunha actividade organizada pola Concellería de Dinamización Sociocultural e a Asociación de Escritores en Lingua Galega.

PROGRAMACIÓN. A feira pecharase na noite deste domingo, pero durante toda a xornada haberá unha ampla programación. Así, no escenario haberá unha charla de Xesús Alonso Montero e Julián Rodríguez Novo, que falarán do libro Unha morte lanzal. A traxedia do bou Eva (11.30 horas). Ademais, Kalandraka ofrecerá un espectáculo no que celebrará o seu 20 aniversario (12.00 horas). Os alumnos do Garaxe Hermético falarán da escola de banda deseñada pontevedresa e máis da súa novela gráfica colectiva Picoto do pai acompañados por Kiko da Silva (18.00 horas).

No que se refire a autores, estarán asinando libros e falando das súas novelas Pedro Feijoo (13.00 horas), María Oruña (19.00 horas), Arantza Portabales (20.00 horas) e Suso de Toro (21.00 horas). Ademais, os máis pequenos poderán gozar dunha sesión de contacontos a cargo de Polo Correo do Vento que terá lugar ás 11.00 horas. A peza leva por nome A detective Peregrina e o misterio do Torque. Para rematar, a Festa dos Libros pecharase cun concerto do grupo Mad Martín Trío.

Comentarios