Outubrofest, a festa máis alemana de Pontevedra múdase á Praza de España

A XI edición  chega con 9.000 litros da mellor cervexa, 10.000 salchichas e 1.000 codillos 
Presentación do Outubrofest. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Presentación do Outubrofest. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

A reserva da Praza do Teucro como foro electoral motivou que o Pontevedra Rugby Club (PRC) tivese que trasladar a XI edición do Outubrofest á Praza de España. Un cambio de ubicación que, como sinalou este vernes a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, “vai traer consigo como principal novidade a instalación dunha carpa máis grande do que era habitual e que acollerá, entre os días 31 de outubro e 3 de novembro, música en directo, tenda de merchandising e outras actividades paralelas ao evento".

A Praza de España foi precisamente o lugar elixido para o acto de presentación do evento, no que a edil do PSOE estivo acompañada polo presidente da entidade organizadora, o Pontevedra Rugby Club, Félix Álvarez, e a súa secretaria, Cristina Lorenzo.

Tal e como sinalou a socialista,"esta festa traerá un ano máis ao corazón da cidade unha pequena parte da cultura popular alemana, cunha oferta gastronómica tan sinxela como irrexeitable: codillos e diferentes tipos de salchichas, coas súas correspondentes guarnicións, ketchup e mostaza, ademais da mellor cervexa loura, de trigo e tostada servida en xarras de pinta ou dun litro".

"Nesta época do ano, o corpo non pide outra cousa que Outubrofest. Todo apunta a que, como aconteceu en edicións anteriores, se superen os 9.000 litros de cervexa consumida. De comer tampouco vai faltar, xa que, de partida, dispoñemos duns 1.000 pratos de codillo e de arredor de 10.000 salchichas. Asemade, os que somos nais e pais contaremos cunha zona de lecer e animación infantil", apuntou Yoya Blanco.

A carpa abrirá as súas portas o xoves 31 de outubro ás 14.00 horas e funcionará en horario de 12.00 a 00.00 horas.

Premio Máis que rugby para a SD Monte Porreiro
Como se ven facendo en anteriores edicións, a carpa instalada na Praza de España acollerá o acto de entrega do premio Máis que rugby, que se lle outorgará a un club da cidade que, como o PRC, destaque pola súa aposta a prol da canteira.

Yoya Blanco explicou que"o galardón irá acompañado de unha salchicha de tres metros preparada especialmente para a ocasión". "Este ano -avanzou a edil de Promoción Económica- o premio entregarase ao club de fútbol SD Monte Porreiro, que comparte instalacións e o seu día a día en adestramentos e partidos co Pontevedra Rugby Club".

Comentarios