Festa e protesta nas rúas para conmemorar o día do orgullo LGTBI na Boa Vila

Concentración polos dereitos do colectivo LGTBI en 2016. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Concentración polos dereitos do colectivo LGTBI en 2016. BEATRIZ CÍSCAR

Protesta e celebración para conmemorar o día do Orgullo LGBTI. Pontevedra súmase aos actos reivindicativos que se celebrarán por todo o mundo para reclamar igualdade de dereitos e normalización da diversidade sexual.

«Xa podemos gritalo ben alto!», comunicaba onte o colectivo Avante LGBT, que ten xa un ano de traxectoria, nas redes sociais referíndose ao programa elaborado para o venres 28 de xuño. Deste xeito, a asociación convoca unha concentración na Praza da Peregrina na que se lerán algunhas das principais demandas do colectivo recollidas nun manifesto. O acto terá lugar ás 20.00 horas.

Unha das principais demandas do colectivo este ano céntrase na mellora da calidade de vida das persoas trans, normalizando a diversidade e despatoloxizando ao colectivo. Entre os demais problemas que afectan ás persoas LGBTI atópase tamén a maior incidencia do acoso escolar ou os delictos de odio.

Outro dos asuntos que está de actualidade no día do Orgullo de 2019 son os pactos de Ciudadanos e PP co partido de extrema dereita Vox. Neste sentido, a entrada da nova formación nas institucións preocupa ao colectivo, que teme perder dereitos.

Tras o acto reivindicativo, os participantes reuniranse nun acto de carácter festivo no Campiño de Santa María, onde se celebrará un "Maripicnic" a partir das 21.00 horas. Alí haberá postos de comida e faranse diferentes actividades lúdicas amenizadas coa música de Paul B. O evento contará coa colaboración do establecemento situado no propio Campiño, Pavero Bar.

A festa finalizará cunha festa noctura na no pub La Pomada. A Pontequeer, tal e como se chama a celebración, terá lugar a partir das 00.30 horas e está organizada polo colectivo pontevedrés Marikas x la Fiesta.

O lema baixo o que se celebrarán os actos reivindicativos deste ano sen Pontevedra é "Por 50 anos máis de loita" e lembra as protestas que tiveron lugar en Stonewall hai medio século, en 1969. Os ditos disturbios ocorreron en New York e foron protagonizados polo colectivo LGBTI despois de que as forzas de seguridade efectuasen rexistros nun pub da cidade frecuentado por persoas do colectivo e que tiña ese nome, Stonewall Inn.

Comentarios