Festas ao ritmo das pandeiretas

O grupo Radio Cos ofreceu un concerto na Praza da Ferraría dentro do programa da Peregrina

Imaxe do concerto, na noite do venres. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imaxe do concerto, na noite do venres. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Pandeiretas, acordeón e unha lata de pemento a modo de percusión. Radio Cos puxo este venres a música na Praza da Ferraría cun concerto que formaba parte do programa das Festas da Peregrina.

A cita reuniu a numeroso público que seguiu a actuación dende as cadeiras instaladas na céntrica. Algunhas das persoas mesmo se animaron a bailar ao ritmo das cancións que interpretou o quinteto de música tradicional. Entre o repertorio ofrecido polos músicos estaban temas como ‘Vén bailar Carmiña’, ‘Sete cuncas’ ou ‘Valse do amor’. As ditas cancións mesturaban letras e ritmos populares con novas creacións.

Radio Cos está composta por Xurxo Fernandes (voz e percusión), Henrique Peón (voz e percusión), Xan Pampín (acordeón), Pedro Lamas (gaita e saxo) e Nikolay Velikov (violín). Os seus compoñentes buscan facer evolucionar a música tradicional galega mesturando tradición con melodías alleas. Ademais, Xurxo Fernandes e Henrique Peón son dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia. As melodías que interpretan pertencen a arquivos de gravacións de campo propios, un traballo que levan facendo por toda Galicia desde hai máis de tres décadas. Radio Cos estivo tamén percorrendo escenarios por Bélxica, Inglaterra, Escocia e Bretaña transmitindo o seu xeito de entender a música tradicional galega.

O grupo conta cun traballo discográfico que busca reivindicar a loita contra a invisibilidade que sofren as chamadas culturas minorizadas no eido musical.
 

Comentarios