O festival Galicia ilusiona traerá a Pontevedra á maga china Huang Zheng

O coreano Hyun Joon Kim, o francés Jimmy Delp, o belga Sebastien Dethise e o galego Dani Polo completan o cartel do evento
Huang Zheng. DP
photo_camera Huang Zheng. DP

Pontevedra será unha das paradas do Festival Mundial de Ilusionismo que o Xacobeo programa este ano por toda Galicia e que inclúe máis de 220 actuacións en máis dun cento de concellos, segundo se anunciou cando se presentou a proposta en marzo en Vigo. Galicia ilusiona traerá á cidade magos de Corea, Francia, Bélxica e China. O seu espectáculo terá lugar o 24 de setembro (20.30 horas) no Auditorio de Afundación. As entradas están á venda en ataquilla.com.

Segundo se pode ver precisamente nesa páxina web, os participantes no show de Pontevedra serán o coreano Hyun Joon Kim, o francés Jimmy Delp , o belga Sebastien Dethise, a china Huang Zheng e o galego Dani Polo.

Hyun Joon Kim. DP

Hyun Joon Kim, primeiro premio de manipulación no Congreso Mundial de Maxia de 2012, a día de hoxe, con apenas 30 anos, está considerado un dos mellores manipuladores de naipes do mundo.

Xunto a el estará o francés Jimmy Delp, coñecido como 'O mago laranxa', debido á caracterización que usa, case de debuxo animado. Ten traballado con David Copperfield e ten participado en programas de televisión como America's Got Talent. Tamén ventrílocuo, a súa proposta está especialmente dirixida ao público infantil.

Precisamente unha comunicadora que conta cun forte impacto na actualidade entre o público máis novo, Esther Estévez, encargada de conducir o espazo Dígocho eu!, da Televisión de Galicia, será a presentadora de Galicia ilusiona en Pontevedra.

Dende Bélxica chegará Sebastien Dethise. Premio Fool Us Penn and Teller (Las Vegas). Este ilusionista, que como Delp mestura maxia e humor, presentará o seu número Alyson & Herbert. Circo, ilusionismo e clown mestúranse na súa proposta.

Dethise. DP
Dethise. DP

Huang Zheng é unha maga china, gañadora do Premio Aneis Máxicos. En Pontevedra presentará o seu número Aire, "unha coidada e poética proposta que nos traslada ao mundo da maxia oriental", segundo a organización do festival. Coreógrafa e directora de espectáculos, esta artista é capaz de fusionar diversas disciplinas na súa posta en escena.

Dani Polo. DP
Dani Polo. DP

Finalmente, o coruñés Dani Polo (de Melide) tamén formará parte da proposta. Foi considerado mago revelación en Europa en 2018. Debutou con dez anos nun escenario. O seu último espectáculo titúlase Euforia.

Comentarios