O festival Itineranta faise maior

O festival de espectáculos de rúa inicia este mércores o seu décimo aniversario recompilando os números máis exitosos dos últimos anos e cun final de traca
Presentacion do festival Itineranta GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentacion do festival Itineranta. GONZALO GARCÍA

Non queda nada. Homes e mulleres que botan lume pola boca, zancudos, cabezudos, acróbatas, maxia, percusión e lucerío, moito lucerío. O festival de espectáculos de rúa Itineranta comeza este mércores a súa décima edición recopilando o mellor de toda a súa historia. "Quixemos reunir os espectáculos que máis gustaron ao longo destes anos e volver representalos en Pontevedra", explicaba onte a concelleira Carme da Silva, responsable de Festexos.

Porén, hai moitas outras novidades. A primeira delas é o percorrido, de xeito que a organización optou por espazos máis amplos e rutas máis longas que permitan dar máis visibilidade aos números. "Que ninguén pense que vai ver un espectáculo que xa contemplou, porque nos números de rúa o espazo tamén é importante e os números nunca son iguais", indicaba a edil de Festas este martes pouco antes de reunirse con dous zancudos que repartiron o folleto coa información da festa pola rúa Michelena. Do mesmo xeito, Silva animou á cidadanía a participar dunha festa na que o público "non pode limitarse a mirar".

A organización do evento decidiu adiantar as datas de celebración do mesmo, que anteriormente tiña lugar xusto antes do inicio das Festas da Peregrina. Deste xeito, o festival remata un venres pola noite (antes remataba un xoves), véspera de día non laborable, para que máis xente poidagozar do espectáculo de peche. E non é para menos. Desta vez, a traca final será a cargo de Deabru Beltzak, de Bilbao, que ofrecerá un número con moitos tambores e 'lucerío'. Por motivos de seguridade, pero tamén para facer que o espectáculo sexa máis vistoso, o número de peche terá lugar na Praza da Ferrería, xa que inclúe un amplo despregue pirotécnico. "Este será o único espectáculo novo que se presenta en Pontevedra, aínda que a compañía estivo xa en Itineranta en tres ocasións con outros números diferentes", explicaba onte Serxio Rodríguez, integrante de Troula, a empresa encargada da organización do evento.

Do mesmo xeito, Rodríguez aclarou que os espectáculos de primeira hora están dirixidos a público infantil, aínda que admite espectadores de todas as idades, e a medida que pasan as horas teñen contido menos infantil, a pesar de seguir sendo aptos para todos os públicos.

As compañías que participan este ano son Xip Xap de Lleida, Tutatis de Cornellá de Llobregat, Efimer de Tárrega, Todo Zancos de Badalona, Tiritirantes de Burgos, Discípulos de Morales de Badalona, K de Calle de Zaragoza, la Baldulfa de Lleida, Palo q’sea de Colombia, Kull d’sac de Valladolid, e Deabru Beltzak de Bilbao, que pechan a cita desde ano cun espectáculo de rúa que dura arredor de 20 minutos. A segunda parte do seu número será nun escenario habilitado na Ferrería para pechar os primeiros dez anos de Itineranta na cidade.

Comentarios