Fin de semana de película da man do festival Novos Cinemas

Unha conversa entre profesionais do cine, un obradoiro para a rapazada e novas proxeccións centran o programa 
Nuria Giménez en Novos Cinemas. DP
photo_camera Nuria Giménez en Novos Cinemas. DP

A creatividade e o talento son os fío condutores da proposta de Novos Cinemas que estes días se celebra en Pontevedra. A directora catalana Nuria Giménez protagonizou este venres o segundo encontro do festival internacional de cine. Nun día no que o festival tivo lugar a estrea en Europa da película ¿Qué hago en este mundo tan visual?. 

A cita co cine abre ás 11 horas deste sábado unha nova quenda de actividades. Integrantes da Coordinadora Galega de Festivais Cinematográficos e Audiovisuais (Proxecta) e a Asociación Galega de profesionais da Dirección e Realización (Crea) compartirán as súas experiencias sobre a experiencia de exhibición de cinema online no contexto da covid-19, nun acto que terá lugar no Museo.

No encontro participarán Marcos Nine, Álvaro Gago, Juan de Castro (Galician Freaky Film Festival) e Ana Estévez (MICE). Á mesma hora celebrarase o obradoiro Experimentando o cinema, para rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos. Ás 12.30 horas comezará no Teatro Principal a última proxección da sección Latexos, Anunciaron tormenta, a primeira película en solitario de Javier Fernández.

Xa pola tarde ás 16.30 horas o Teatro Principal acolle a proxección da multipremiada película El año del descubrimiento, de Luis López Carrasco, na que o director indaga e reflexiona sobre o relato da historia española recente e sobre os seus procesos de borrado.

As entradas poden adquirirse a través de ataquilla.com ou no Principal a partir de dúas horas antes do inicio de cada unha das sesións. As películas da Sección Oficial, Sección Latexos e a selección Pasaron por Novos Cinemas estarán dispoñibles na versión online do festival en Filmin.

Comentarios