Nove firmas aspiran a deseñar e construír o futuro emisario

A infraestrutura actual só canaliza os vertidos de Ence
Instalaciones de la depuradora y Ence. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Instalaciones de la depuradora y Ence. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Nove grupos empresariais aspiran a elaborar o proxecto e a execución das obras do novo emisario submarino da Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Praceres, valorado en máis de doce millóns. 

A obra hidráulica foi declarada de "interese para comunidade autónoma" no Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-Costa e divídese en dúas partes: a obra terrestre, que se corresponde coa execución da cámara de carga e unha estación de bombeo para chegar ata o novo emisario, e a instalación do propio emisario submarino. 

Segundo informaron onte fontes oficiais, os traballos a executar permitirán dar servizo a unha poboación aproximada de 141.204 habitantes aos que se prevé chegar no "ano horizonte 2042". O calendario presentado ante a Mesa polo Saneamento contempla iniciar os traballos en 2020 e finalizalos a mediados de 2021. 

O novo emisario "permitirá separar os verquidos industriais e os residuais", dado que a infraestrutura actual quedará para uso exclusivo de Ence. A nova canalización dará servizo aos usuarios da EDAR, á que van a parar as augas residuais de Pontevedra, Poio, Marín e Vilaboa, e as augas industriais do Porto e o Polígono do Campiño. 

A división non está exenta de polémica. A Consellería de Infraestruturas defende que o Concello de Pontevedra deberá asumir a explotación do vello emisario, pero o Goberno local xa ten dito que lle pechará a billa a Ence no caso de que a industria se desvincule da estación depuradora. 

ALEGACIÓNS. O proxecto do emisario incorporou varias modificacións "co fin de dar solución" ás alegacións e suxestións presentadas no proceso de información pública. As reformas, que supuxeron un incremento de dous millóns de euros no investimento, implicaron modificar a localización da cámara de carga e da estación de bombeo "a fin de reducir o seu impacto visual, deixando libre a fachada litoral". E, ao mesmo tempo, incrementouse a lonxitude do tramo inicial no túnel do emisario co propósito de "non afectar aos bancos marisqueiros a pé de Praceres, sen que esta medida implique un incremento do volume de escavación". 

O proxecto, valorado en máis de doce millóns, comenzará en 2020

A obra do emisario será completada coa reforma do proceso depurativo da depuradora e a ampliación da mesma. A primeira comenzará en enero e permitirá optimizar a depuración cun orzamento de 16 millóns. O contrato será firmado nas vindeiras semanas e, previsiblemente, será adxudicado a Acciona, a empresa que ostenta a mellor oferta. 

A redacción do proxecto durará tres meses, as obras doce e a aplicación de novos procesos outros doce aínda que, según anunciou a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, os resultados "serán visibles" a finais do vindeiro ano. Por outra banda, a ampliación da estación, valorada en 50 millóns (dos que Ence deberá asumir 15), xa comenzou a tramitación ambiental coa previsión de iniciar obras no primeiro semestre de 2022 e finalizalas no segundo semestre de 2023. Segundo o boceto presentado pola Consellería na Mesa polo Saneamento, as novas instalacións serán construídas nos terrenos que actualmente ocupan as balsas de Ence, "afastadándose das vivendas", e a empresa que resulte adxudicataria procederá á "cubrición total e desodorización dos procesos con máis impacto". 

A EDAR ampliada será "integrada" no entorno mediante zonas verdes e pantallas arbóreas. Os edificios da estación serán cubertos con chapa e rodeados por unha senda peatonal, mentres que no extremo sur da parcela está prevista a construción dun campo de fútbol. Ademais, a actuación levará parella a mellora do bombeo de Cocheras para reducir os vertidos de augas fecais que se producen a esa altura da rede.

Unha intervención polémica
A Unión Europea obriga a sanear a ría sen máis dilación. De feito, iniciou un expediente sancionador que se presumía "multimillonario" e que só se detivo ante o compromiso da Administración autonómica de tomar cartas no asunto. A mellora do proceso de depurativo é unha actuación compartida por forzas veciñais e políticas. Pola contra, a ampliación e o cese do actual emisario a Ence atopou unha forte oposición. Veciños de Lourizán e de Estribela, xunto ao Concello pontevedrés, abogan por adoptar antes outras medidas, como a separación das redes pluviais e fecais para evitar o colapso da EDAR, a construción de minidepuradoras en Poio e Marín ou o control dos vertidos do Porto. Perante isto, a Xunta alega que non queda alternativa. Entre outas cousas, porque a declaración da ría como zona sensible obriga a eliminar o nitróxeno e o fósforo e para iso é preciso ampliar as instalacións.

Sete UTE candidatas
Das nove candidaturas empresas que presentaron oferta para construír o emisario, sete son de firmas que concurren en UTE.

Comentarios