"Fixémonos maiores, xa nos premian"

Xaime Toxo recolle, en nome do Ateneo, o I Premio Tertulia del Carabela reivindicando un centro de interpretación para o Camiño Portugués e a candidatura de Pontevedra a capital europea da cultura
César Portela, Rafael López Torre, Xaime Toxo e Xosé Fortes (de esquerda a dereita), este sábado, no espazo Nemonon. DAVID FREIRE
photo_camera César Portela, Rafael López Torre, Xaime Toxo e Xosé Fortes (de esquerda a dereita), onte, no espazo Nemonon.

Alfonso Zulueta de Haz, Gonzalo Torrente Ballester, Juan Vidal Fraga... Todos foron saíndo no discurso de agradecemento que pronunciou este sábado Xaime Toxo, presidente do Ateneo de Pontevedra, á hora de recoller, no nome desa institución, o I Premio Tertulia del Carabela, un galardón que fallou por primeira vez o grupo de amigos que se reúne todos os sábados pola mañá no histórico café pontevedrés e que encabezan o historiador Xosé Fortes, o arquitecto César Portela e o xornalista Rafael López Torre.

Toxo, que repasou de xeito pormenorizado a historia cultural da capital da provincia e os seus principais protagonistas, dende a creación do Ateneo en 1963 ata a actualidade, acabou reivindicando, entre outras cousas, unha mellor conservación do parque de arte contemporáneo que é a Illa das Esculturas e a necesidade de creación dun centro de interpretación para o Camiño Portugués. "Pontevedra debe aspirar a ser capital europea da cultura, porque ese binomio, o de Pontevedra e cultura, funciona".

O espazo Nemonon, que xestiona o arquitecto Mauro Lomba, acolleu a entrega deste galardón que o grupo da autodenominada Tertulia del Carabela decidiu fallar este ano co gallo do seu XXV aniversario.

O acto comezou coa lectura da acta do xurado por parte de Rafael López Torre. A continuación, Xosé Fortes explicou as razóns que os levaran a crear este premio para recoñecer unha labor cultural. "La cultura es como una especie de gafas que nos permite ver lo que se no se observa a simple vista". Finalmente, César Portela destacou que se premiaba ao Ateneo "por su fantástica labor" e polo seu compromiso coa liberdade, a independenza e o traballo polos demais.

Comentarios