O 'flow' verde e azul de Pontevedra doutórase no seo da Comisión Europea

Greening Cities ► Iván Puentes defende en Turín que "as únicas cidades posibles no futuro son aquelas que aposten polo asentamento de industrias verdes, non contaminantes"
Elisa Ferreira e Iván Puentes. DP
photo_camera Elisa Ferreira e Iván Puentes. DP

Ademais dun verbo, a palabra inglesa flow tamén se emprega como substantivo para facer referencia a un estilo de vida, a un xeito de vivir. O flow da revolución verde e azul impulsada na nosa cidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible a través da estratexia Pontevedra Flúe aterrou esta semana en Turín da man do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, para propagar o seu modelo no seo da Comisión Europea, a través dun dos seus foros máis influíntes en materia de políticas medioambientais: a primeira reunión formal, física, do Parnertship Greening Cities, que xuntou na capital do Piamonte a representantes doutras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e de 14 entidades rexionais, nacionais e europeas, entre elas algunha tan importante como Eurocities ou o Banco Europeo de Investimentos (a institución europea que decide na práctica cantos cartos se destinan a fondos como os Next Generation e con que criterios se distribúen esas achegas).

Unha alianza comunitaria estratéxica deseñada pola Comisión Europea para impulsar políticas de renaturalización de cidades e a loita contra o cambio climático e na que Pontevedra representa ao noso país, ao seren a única cidade española seleccionada para formar parte da mesma. No transcurso da reunión, convocada no marco da 5ª edición do Cities Forum, un evento bienal que reunirá a actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades, que se celebrará entre mañá e o venres nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Torino e no que tamén participará o socialista, Iván Puentes incidiu no papel de Pontevedra Flúe (‘Pontevedra Flows’) como "unha estratexia non só local, de transformación verde e azul da nosa cidade, senón tamén como unha estratexia europea, de xestión de fondos comunitarios, que pode servir de inspiración a outras urbes, naquilo que nos pide a Comisión: a integración dos ríos e espazos naturais na trama urbana da cidade e no día a día dos veciños e veciñas, facendo cidades máis agradables e saudables, nas que hai tempo para o lecer e espazos de convivencia para a cidadanía, que apostan pola mobilidade peonil e ciclista, na que os servizos están a unha distancia de 15 minutos a pé…".

Iván Puentes quere que Pontevedra xogue un papel esencial no deseño da axenda urbana para a UE

"Non só temos boas intencións para facer isto realidade, senón unha estratexia pensada, redactada e orzamentada, que é Pontevedra Flúe, con 20 proxectos estratéxicos que suman case 30 millóns de euros, para poder desenvolver nos vindeiros anos. Nela estamos implicadas tódalas administracións independentemente da cor política: o Goberno de España, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra, traballando man a man para poder facelos realidade. Pese ás resistencias que aínda existen, as únicas cidades posibles no futuro -subliñou Iván Puentes-, xa non só desde o punto de vista da saúde e do lecer, senón tamén da xeración de emprego e de creación de riqueza, son aquelas vencelladas á economía verde. As cidades industriais, de industria pesada e contaminante, están caducadas. As cidades que van liderar a economía galega, española e europea son aquelas que aposten polo asentamento de industrias verdes, non contaminantes".

A Boa Vila postúlase como sede dun encontro de Greening Cities

A participación do concelleiro socialista Iván Puentes na 5ª edición do Cities Forum 2023, celebrada nas instalacións das Officine Grandi Riparazioni (OGR) de Turín, marcou unha auténtica efeméride no papel que Pontevedra xogará a nivel internacional como referente de políticas verdes e de loita contra o cambio climático. Os encontros mantidos nestes días polo portavoz municipal do PSOE traducíronse nunha proposta en firme para que a Boa Vila acolla este mesmo ano un encontro do Partnership Greening Cities, a rede comunitaria da que forman parte outras 7 urbes europeas (Roma, Lisboa, Utrecht, Tampere, Ostrava, Ādaži e Bolduque) e 14 entidades (algunha tan importante como o Banco Europeo de Investimentos) e que asesora á Comisión Europea no impulso de estratexias de renaturalización de cidades.

A proposta plantexada por Puentes no marco deste evento bienal, que reúne aos actores urbanos claves a nivel europeo, nacional, rexional e local, comprometidos co obxectivo de acadar un futuro verde e xusto para as cidades, tivo unha moi boa acollida por parte dos coordinadores desta alianza comunitaria, Bogdan Micu e Liviu Băileșteanu, do Ministerio de Desenvolvemento, Emprego Público e Administración de Romanía, e Thomas de Béthune, responsable de Políticas Rexionais e Urbanas da DG Regio da Comisión Europea.

"Pontevedra postúlase como sede dun dos vindeiros encontros desta rede europea de reverdecemento de cidades. Hai xa dúas citas programadas, unha en Malmö (Suecia) e outra en Bruxelas (Bélxica), e queremos que a seguinte se celebre en Pontevedra. A nosa idea é facela coincidir coa presidencia española do Consello da UE, programada para o segundo semestre deste ano, é dicir, acolléndoa entre finais de 2023 e principios de 2024", avanzou o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.

Ademais, Iván Puentes aproveitou o encontro de Turín para convidar á comisaria de Cohesión e Reformas da Comisión Europea, Elisa Ferreira, a vir a Pontevedra.

Comentarios