"Esta foi a ilusión republicana dos mestres"

Anxo Porto e Raquel Vázquez recuperan nun libro da Fundación Luis Tilve a historia da asociación 'Casa del Maestro' de Pontevedra ▶O 30 de xaneiro preséntase na Casa da Luz
Primeira xunta directiva da Casa del Maestro. FOTO NOVÁS
photo_camera Primeira xunta directiva da Casa del Maestro. FOTO NOVÁS

"Fixo un labor tremendo. Esta foi a ilusión republicana dos mestres", explica Anxo Porto sobre a asociación pontevedresa Casa del Maestro. "Os profesores por fin podían falar de ti a ti co médico, co avogado, co cura". Máis dun milleiro de docentes, "1.033 exactamente", formaron parte da Casa del Maestro entre 1934 e 1936, os dous anos nos que funcionou. Todos foron represaliados tras o golpe de estado de 1936. O libro A Casa del Maestro de Pontevedra (1934-1936). Organización societaria e depuración do Maxisterio", de Anxo Porto e Raquel Vázquez, documenta cada unha desas 1.033 sancións. "Algúns, como Paulo Novás ou Germán Adrio, foron fusilados. Outros foron apartados do exercicio ou trasladados. Todos foron depurados". A obra, que publica a Fundación Luis Tilve, será presentada na Casa da Luz o 30 de xaneiro (19.30 horas, entrada libre).

Máis dun milleiro de profesores formaron parte da asociación; todos eles foron represaliados tralo golpe de estado do 36

Anxo Porto (doutor en Filosofía e Ciencias da Educación) leva máis de dúas décadas investigando o traballo dos ensinantes durante a República, así como a súa posterior persecución durante o franquismo. Xunto a el, Raquel Vázquez (doutora en Historia) asina un traballo que documenta o papel que xogou en Pontevedra a Casa del Maestro. "É bastante particular. A nivel galego só se coñece a de Pontevedra", explica Porto, que puntualiza que esta sociedade convivía con outras de ámbito provincial e nacional.

XENERAL RUBÍN. Coa súa sede na avenida Xeneral Rubín, "no edificio que ocupara a Misión Biolóxica antes de marchar para Salcedo", a Casa del Maestro funcionou como unha asociación de mestres republicanos que defendían valores pedagóxicos asociados á Institución Libre de Enseñanza, "dende a liberdade de cátedra e o laicismo ao traballo a pé de obra cos alumnos", ao tempo que promovía a solidariedade e a relación entre mestres con excursións ou veladas musicais.

O traballo de Porto e Vázquez, "imprescindible nestes tempos de pins parentais", en palabras do membro da Fundación Tilve Yeyo Pérez Agulla, permite ademais rescatar "figuras tan importantes no ámbito do ensino como o inspector Rogelio Pérez González ou o bibliotecario José Meis, despois fusilado".

Comentarios