O fomento do galego, esquecido nos programas electorais

Só BNG e Marea Pontevedra se refiren de xeito explícito á normalización da lingua nas súas propostas de cara ao 26M ▶ Recuperar a Bienal de Arte, aproveitar o edificio da antiga sede de Facenda e novas bibliotecas son algunhas das propostas culturais

Nenos trocando libros na última edición do Salón do Libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Nenos trocando libros na última edición do Salón do Libro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Máis programación cultural, más cartos para a promoción do galego ou novas bibliotecas. É tempo de promesas que se materializarán (ou non) unha vez pase a cita coa urnas do vindeiro 26 de maio. Pero que pasa co fomento do idioma? Moitos dos programas electorais para estas eleccións omiten esta cuestión.

O número de falantes descende aceleradamente, especialmente nas cidades, mais boa parte dos partidos non inclúen medidas para fomentar o seu uso.

Normalización lingüística

O do BNG é o programa que adica máis espazo á promoción do galego, no que anuncia que seguirá a entender "a normalización lingüística como un obxectivo preferente e central da acción municipal". Para iso, propón medidas como o apoio ao tecido empresarial que emprega o galego ou ampliar as colaboracións con entidades e asociacións para o fomento da lingua galega. Do mesmo xeito, o BNG anunciaba onte que centrará na mocidade universitaria o eixo de traballo de normalización dos vindeiros anos.

Por outra parte, no programa electoral do Partido Popular non queda reflectida ningunha medida de fomento do uso do galego e a candidatura refírese exclusivamente a medidas culturais como "la creación de la Casa da Cultura Municipal Alexándre Bóveda" ou a creación dun "clúster cultural como elemento catalizador del sector". Aínda así, o candidato popular, Rafa Domínguez, explica que "se nós non defendemos o galego non vai vir ninguén de Madrid a facelo" e anima á cidadanía a "facer crecer o idioma dende a liberdade de uso".

Tamén o PSOE se esquece de mencionar no seu programa electoral o fomento do idioma, aínda que o candidato á alcaldía, Tino Fernández, asegura que «é preciso seguir traballando na mesma liña e facer que o galego sexa lingua vehicular na política.

Pola súa parte, Marea Pontevedra deixa reflectido no seu programa que é preciso "activar" as políticas de Normalización Lingüística e para iso propón incrementar a partida a este fin. "É evidente que os recursos do concello son raquíticos, nós incrementariámolos e lanzariamos unha ofensiva para que a cidade puidese contar cunha delegación da TVG", explica Luís Rei.

Ciudadanos non deixa reflectida no seu programa ningunha medida de fomento do galego. Neste sentido, o seu candidato, Goyo Revenga considera que "é unha sorte contar con dúas linguas oficiais" e que, como liberal, cre na "liberdade de escolla" á hora de decidir que lingua empregar.

Outros partidos de perfil nacionalista, como Compromiso por Galicia, contemplan entre as súas medidas o "mantemento da actual liña de defensa do galego na política municipal". Ademais, anuncian que "buscaremos o cumprimento da lei, especialmente nas escolas".

Máis bibliotecas

Boa parte dos partidos ligan as súas medidas culturais ás de promoción do galego. Deste xeito, o PP propón crear un espazo cultural no antigo edificio de Facenda, a xa mencionada Casa da Cultura Alexandre Bóveda, no que propón crear unha biblioteca municipal especializada en literatura infantil e xuvenil en galego e en cómic.

Tamén o PSOE quere crear unha nova biblioteca municipal "con horarios axeitados ás necesidades dos e das estudantes" e Marea quere, ademais dun espazo municipal de lectura, crear Axencias de Lectura nas parroquias. Ciudadanos súmase tamén á proposta dunha biblioteca do Concello.

Novos (e vellos) eventos

Tamén no eido cultural, os partidos propoñen crear novos eventos para a cidade que dinamicen a súa actividade creativa. Neste sentido, destaca a proposta de Ciudadanos de recuperar a Bienal de Arte, que inclúa pintura, fotografía ou escultura e na que exista unha especial participación da facultade de Belas Artes. Dito encontro era unha cita habitual do calendario cultural pontevedrés ata que a Deputación de Pontevedra prescindiu dela en 2010 baixo o Goberno do PP. Entre as 100 medidas do programa electoral do PSOE tamén se atopa a "recuperación dunha Bienal de Fotografía de Pontevedra que permita poñer en valor o noso talento artístico".

Pola súa parte, Marea Pontevedra propón impulsar un "evento artístico anual que irradie cultura e atraia visitantes" e o BNG quere promocionar roteiros urbanos ligados á literatura de transmisión oral, á memoria, ás lendas ou á historia colectiva. Tamén Marea fala do fomento da memoria histórica democrática. Neste sentido, o PSOE propón a creación dun Instituto de Estudos Locais e Culturais que leve a cabo a compilación de materiais e legados fotográficos e documentais da cidade. Ademais, os socialistas queren crear o Festival de Teatro Valle Inclán.

Novos espazos

Os partidos propoñen novas actividades culturais, pero tamén novos espazos. Deste xeito, O PSOE quere construír un novo anfiteatro. "Dispoñemos de terreos idóneos en Valdecorvos e en Monte Porreiro para a construción dun anfiteatro ao aire libre".

Un dos edificios para os que hai máis propostas é a antiga sede de Facenda, situada na Praza da Ferrería. Alí, o BNG quere crear un Museo Espazo Cultural Castelao en colaboración coa Deputación de Pontevedra. A finalidade do edificio sería conservar o legado do intelectual galeguista, así como acoller organismos como a Aula Castelao de Filosofía. Tamén o PP ten plans para dito edificio, a xa mencionada Casa da Cultura Alexandre Bóveda. Pola súa parte, Compromiso por Galicia, quere empregar as instalacións como sede dun Clúster das Artes e do Deseño.

Pola súa banda, Ciudadanos quere crear unha ampla programación cultural baixo o nome P+C (Pontevedra Más Cultura), que enchería de actividades culturais o calendario entre os meses de maio e outubro. Boa parte destas actividades levaríanse a cabo naPraza de Touros, empregándoa como "arena de teatro, de música clásica y ópera, emulando casos como la ciudad italiana de Verona", conta Revenga.

Por outra parte, as touradas en si mesmas supoñen un gran debate entre os que as consideran cultura e os que optan pola súa abolición. Marea Pontevedra posiciónase claramente cos segundos e no seu programa deixa claro que eliminará "a subvención encuberta ás touradas". No lado oposto sitúase Vox, que anuncia o seu apoio á conservación das tradicións, entre as cales se atopa a tauromaquia.

Economía ligada á cultura

Os partidos coinciden en sinalar o papel de dinamización económica da cultura. Neste sentido o BNG conta coa cultura como elemento que posicione á cidade como "punto de referencia a nivel cultural en Galiza".

O PP tamén quere impulsar as industrias culturais coa creación dun Clúster Cultural coa finalidade de crear emprego. No programa electoral do PSOE recóllese a creación dun Laboratorio de Acción Cultural para "converter á cidade nunha factoría de arte e cultura". Ademais, tamén os socialistas, queren converter Pontevedra nun referente para a industria do cine para atraer rodaxes á cidade.

Porén, que a cultura poida ser un motor económico non implica que o acceso a ela deba ser economicamente inaccesible. Por iso, o PSOE propón crear un bono para estudantes, persoas maiores e outros colectivos, xa que "o acceso á cultura debe ser un dereito".

Un 20% dos pontevedreses nunca fala galego
A enquisa de condicións de vida das familias inclúe cada cinco anos un módulo no que se analiza o estado de saúde do galego. Os últimos datos son de 2013.

31,20%
O 31,20% da poboación aseguraba daquela expresarse en galego sempre. A porcentaxe de poboación que fala máis galego ca castelán é dun 20,29%, mentres que a dos que falan máis castelán que galego é do 22,26%.
Por último, algo máis do 26% dos residentes en Galicia falan sempre en castelán, 6 puntos máis que en 2008. No que se refire ás cidades, Pontevedra é unha das urbes nas que menos xente emprega só o galego, un 15%. Só en Ferrol a portcentaxe é menor, un 12%. Ademais, un 20% dos pontevedreses asegura non empregar nunca a lingua galega.

Comentarios