Fontesanta e Martín Códax uniranse ás rúas da cidade que terán 'lombos'

O Concello inicia hoxe unha campaña de mellora da calzada en dez lugares da cidade
Imaxe dos "lombos" da calle Palamios. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe dos "lombos" da calle Palamios. GONZALO GARCÍA

A listaxe de rúas do municipio que contan con "lombos" (como son conocidos popularmente os pasos de peóns sobreelevados) non deixa de medrar. Os viais de Fontesanta e Martín Códax sumaranse a esa relación coa actuación que o Concello ten previsto efectuar nos vindeiros días nesas zonas urbanas e que son parte dunha nova campaña que ten como obxectivo seguir mantendo en bo estado as calzadas da cidade. En total, dez puntos da cidade recibirán actuacións de fresado, reasfaltado, ampliación ou creación de "lombos", ou a instalación de redutores de velocidade.

En concreto o vindeiro día 14, na contorna da Fontesanta o Concello creará un total de nove pasos de peóns (na actualidade non existe ningún nesta zona) e tamén instalará dous redutores de velocidade logo da petición que efectuou a veciñanza para a colocación destes elementos co fin de obligar aos conductores a moderar a velocidade.

Na rúa Martín Códax está programado a creación dun paso de peóns sobreelevado (na actualidade a rúa tampouco dispón de ningún) e de tres redutores de velocidade para aumentar a seguridade viaria na zona.

Hoxe está previsto que comecen os traballos nas rúas Pintor Laxeiro e Parda. Para a primeira está contemplada unha ampliación do paso de peóns ao tempo que unhas tarefas de reasfaltado, namentres na segunda só se realizará un reasfaltado. O mércores día 7 comezará a actuarse na avenida de Compostela e na rúa Corbaceiras.

Cómpre sinalar que os traballos non afectan aos percorridos totais das rúas senón a puntos concretos que o precisan. No caso da avenida de Compostela ampliarase un dos pasos de peóns sobreelevado e tamén será instalado un redutor de velocidade. Na rúa Corbaceiras realizaranse tarefas de fresado e reasfaltado.

O día 12 a Administración local prevé iniciar obras en Gonzalo Gallas (fresado e reasfaltado), San Antoniño (fresado e reasfaltado) e Amado Carballo (reasfaltado). O día 13, na rúa Estrigueiras, tocará comezar cun reasfaltado.

Comentarios