Forestais aposta pola liña continuísta

Juan Picos é reelexido por unanimidade para dirixir o centro universitario outros tres anos
2020111313582496932
photo_camera Ángeles Cancela, Juan Picos e José Manuel Casas, onte, no centro universitario pontevedrés. DUVI

Cos votos a favor dos 23 integrantes da comunidade universitaria que este xoves participaron na Xunta de Escola, Juan Picos foi reelixido director da Escola de Forestais para os vindeiros tres anos. O profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, que en 2017 relevou a Enrique Valero á fronte do centro, continuará liderando un equipo que completan Ángeles Cancela e José Manuel Casas, que xa foran subdirectora e secretario académico, respectivamente, no anterior mandato.

De cara a esta nova etapa, Picos puxo o acento na importancia de seguir potenciando "as fortalezas dunha escola pequena, pero que coopera en moitas iniciativas docentes, de investigación e de transferencia", así como na necesidade "intentar corrixir ata onde poidamos a debilidade na captación de alumnado".

Picos calificou o apoio unánime á súa candidatura como "unha satisfacción moi grande despois de tres anos que non foron fáciles", e víao tamén como "un referendo ao traballo do equipo".

Nese senso, o reelixido director incidía tamén en que este apoio viña a confirmar "que sei que vou contar, como xa contei os anos anteriores, coa axuda de todo o mundo", poñendo de relevo a implicación do conxunto da comunidade do centro nestes anos, "nos que cada vez que pedimos axuda ou consello non houbo ninguén que non estivese disposto a implicarse".

PROS E CONTRAS. No referido ao traballo a desenvolver, subliñou que seguirá as liñas do plan estratéxico aprobado pola Xunta de Escola durante o mandato de Valero, co propósito de "seguir reforzando os puntos fortes" da escola e facer fronte "a algunhas ameazas que nunca se van de todo".

Unha das metas será "corrixir, ata onde poidamos, a debilidade na captación de alumnado"

Referíase ao feito de que "dentro do campus sempre somos un dos centros, este o ano o único, que non cubre todas as súas prazas" de novo ingreso, o que fará que "non poidamos descoidar todo aquilo que ten que ver con captación e coa relación coa sociedade". Neste aspecto, Picos explicou que se desenvolverá "un programa específico de captación", á vez que se manterá a colaboración en todas aquelas iniciativas que a Universidade promova neste eido.

No referido ás fortalezas, Picos subliñou que un dos principais obxectivos debe ser "reforzar a imaxe dunha escola modesta pero cooperante", incidindo nese senso en que se trata dun centro moi activo no referido á cooperación co resto de facultades e escolas do campus e da Universidade.

Mais tamén, por ser unha escola capaz de colaborar con outros centros de investigación do seu ámbito, como o CIF de Lourizán ou a Misión Biolóxica de Galicia, coas empresas do sector ou con diferentes institucións.

Con respecto ás tarefas a acometer, Juan Picos lembrou iniciativas recollidas no plan estratéxico, como contar cunha "superficie forestal na que poidamos facer prácticas, que sería un laboratorio complementario perfecto para esta escola".

En relación con isto, outra das guías de actuación pasará por "seguir facendo un traballo diario dirixido a conseguir que o alumnado sexa capaz de ter acceso aos mecanismos de aprendizaxe máis prácticos", xa que Forestais debe caracterizarse, salientou, "por poñer no mercado laboral xente que sabe e que sabe facer».

Nesa idea insírese tamén a tarefa pendente de acadar "unha certa dualización dalgunhas das nosas materias", de tal xeito que o estudantado da especialidade de Idustrias da madeira poida desenvolver parte da súa aprendizaxe en empresas do sector. A este mesmo obxectivo responde así mesmo, lembrou, a "aposta pola presencialidade" da escola neste curso marcado pola covid-19.

Por outra banda, Picos lembrou que os próximos tres anos serán tamén un período de renovación das acreditacións acadadas, tanto a do grao, como a do Sistema de Garantía Interno de Calidade, como do selo internacional de calidade EUR-ACE que acredita o cumprimento dos estándares europeos neste ámbito da enxeñaría.

Comentarios