Forestais debate sobre o futuro do sector nun congreso en Polonia

O centro pontevedrés é o único representante español na conferencia e aproveitará para captar estudantado internacional
Juan Picos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Juan Picos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Representantes de 15 universidades de diferentes países europeos participan nestes días en Polonia na conferencia 'Universities within the forests', un evento promovido pola Poznan University of Life Sciences para debater sobre o futuro dos estudos superiores no eido forestal. A Universidade de Vigo, segundo informou o Duvi, é a única representante española. O director e a subdirectora da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos e Ángeles Cancela foron convidados a impartir unha conferencia e participar nos debates inseridos nos actos do centenario dos estudos forestais e agrícolas desta universidade.

"As conclusións da análise realizado sobre o futuro da educación forestal vannos permitir incorporar as últimas tendencias na nosa análise estratéxica para a mellora continua do centro", salienta Picos respecto do interese que ten para a escola participar nun evento que tamén reúne a representantes de centros de Polonia, Romanía, Eslovenia, República Checa, Bielorrusia, Lituania, Croacia ou Turquía. Así mesmo, o director da EE Forestal destaca o positivo desta conferencia á hora de "ampliar a nosa rede de contactos Erasmus con algunhas escolas moi interesantes, tanto para o noso alumnado, como para captar estudantes internacionais", tendo en conta ademais a recente obtención por parte da escola do selo EUR-ACE, unha acreditación europea da formación como enxeñeiros e enxeñeiras do seu alumnado.

DO LOCAL AO GLOBAL

O programa complétase con visitas ás instalacións da Poznan University of Life Sciences e coa participación, en Cracovia, nun foro de discusión con representantes do Ministerio de Educación.

A intervención de Picos centrouse na situación dos estudos forestais en España e nos retos de futuro que debe afrontar a formación neste ámbito. A educación forestal, lembrou, "caracterizase como unha loita continua por ser eficiente entre dúas escalas aparentemente opostas", a de formar profesionais para unha xestión forestal "fundamentalmente local", no relativo ás especies, proceso ecolóxicos, leis ou actores; e a de formar profesionais que deben facer fronte aos "retos planetarios".

Comentarios