A formación en adultos é "moi importante" para un "envellecemento activo"

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presidiu na Uned de Pontevedra o acto de gradación de 45 maiores de 55 anos que completan os seus estudos superiores en Historia da Filosofía
Acto de gradación na Uned. JAVIER CERVERA - MERCADILLO
photo_camera Acto de gradación na Uned. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou na cidade do Lérez a importancia da formación ao longo da vida como unha das claves para acadar un envellecemento activo ao tempo que adquirir novas destrezas e habilidades tecnolóxicas que favorecen a súa adaptación aos novos retos sociais.

O responsable do Goberno da Xunta de Galicia en materia de educación exerceu como padriño do acto de gradación das 45 persoas maiores de 55 anos que veñen de licenciarse en Historia da Filosofía pola Uned Sénior nas instalacións da Universidade Nacional de Educación a Distancia en Monte Porreiro. Na súa intervención, Román Rodríguez subliñou que a educación é a vía máis axeitada para encarar os novos desafíos, de aí a importancia da formación permanente de adultos ao longo da vida.

APRENDIZAXE PERMANENTE

"A aprendizaxe permanente axúdavos a satisfacer necesidades intelectuais, pero tamén a completar a vosa participación na sociedade, sendo parte activa dos seus cambios e dos seus ritmos culturais e laborais", dixo o conselleiro, dirixíndose aos recén graduados, aos que felicitou "por este crecemento persoal irrepetible e por ser a proba de que a curiosidade e o coñecemento non teñen idade".

Así mesmo, Rodríguez estendeu os parabéns á Uned por este programa e, expresamente, ao profesor Marcelino Agís, titor en Pontevedra.

Estes alumnos deixan claro que a formación non ten idade no século XXI.