A formación da 'Facultade da Compostaxe' xa é título propio da Universidade de Vigo

A titulación inclúese na categoría de ‘curso de formación’, unha acreditación universitaria que complementa e matiza outros estudos

Autoridades co plantel actual do Plan Revitaliza. DP
photo_camera Autoridades co plantel actual do Plan Revitaliza. DP

O curso de formación de mestres composteiros organizado pola Deputación ao abeiro do Plan Revitaliza é xa un título propio da Universidade de Vigo. Así o confirmaron onte a presidenta e o vicepresidente provinciais, Carmela Silva e César Mosquera, e o reitor da UVigo, Salustiano Mato, no acto de benvida aos 30 estudantes deste novo ano académico da "Facultade da Compostaxe".

Previamente ao acto oficial, celebrado nas instalacións de Príncipe Felipe, os dirixentes asinaron no Pazo Provincial o convenio polo que a Universidade de Vigo colabora na organización da formación (cun orzamento que supera os 29.000 euros), será responsable da tutorización e expedirá os correspondentes diplomas ao alumnado. Segundo explicou Salustiano Mato, "por fin nesta edición conseguimos desenvolver os procesos que nos permiten acreditar a formación da 'Facultade da Compostaxe' como un título propio da UVigo".

Trátase dunha titulación dentro da categoría de "curso de formación", que outorga unha acreditación universitaria que complementa e matiza tecnicamente outros estudos como por exemplo Bioloxía, Química ou Ciencias Ambientais, entre outros.

Así mesmo, logo de que remate o actual curso, iniciaranse os trámites para convalidar as dúas edicións anteriores.

O curso que acaba de comezar incorpora novidades, tanto melloras na parte teórica (con poñentes estranxeiros, estatais e nacionais) como na parte práctica, sobre todo porque inclúe unha parte de laboratorio que se vai desenvolver no campus do CUVI , na que o alumnado poderá analizar os procesos de compostaxe.

"Isto poderá redondear a formación dos mestres composteiros", dixo o reitor, quen agradeceu a iniciativa da Deputación de preparar persoal para poñer a disposición dos concellos na xestión do lixo en xeral e na compostaxe en particular: "O importante nun bo plan de xestión de residuos non son as máquinas nin a obra civil, senón as persoas, que saiban traballar nun lugar determinado coas súas características concretas e aplicar a mellor forma de xestión. Por iso nos gusta o Plan Revitaliza", finalizou Salustiano Mato.

Pola súa banda, o vicepresidente provincial instou ao alumnado da nova promoción da 'Facultade da Compostaxe' a tirar proveito da formación que se lle oferta. "Cando comezamos con este plan no 2015 o noso horizonte era onde estamos agora: afrontar un proceso con moita xente formada para que o plan tivese garantía de continuidade e unha base sólida", dixo, para engadir que a día de hoxe "o modelo de xestión de lixo baseado na economía circular máis avanzado no seu ámbito é o Plan Revitaliza, do que xa todos somos partícipes e que vos abre máis posibilidades e expectativas das que poidades imaxinar" no ámbito laboral grazas á súa esixencia e intensidade. "Este mundo que se abre no tratamento dos residuos xa non ten volta atrás", asegurou.

Pola súa parte, a presidenta da Deputación felicitou ás 30 persoas que pasaron o proceso de selección e que agora forman parte da 'Facultade da Compostaxe'. "Éncheme de orgullo cando me din que somos a referencia e o proxecto máis avanzado neste ámbito, cando temos recoñecementos europeos e están a chamar aos nosos técnicos doutras administracións para que participemos en xornadas explicativas", indicou Silva.

"Que saiban os que nos cuestionan que non imos parar" 
A presidenta provincial fixo unha chamada de atención aos que critican o plan de compostaxe: "Que saiban todas as administracións e os que nos cuestionan que nós non imos parar, que este proxecto naceu para ter continuidade. Moitas veces cuestionan os resultados: pois é absolutamente falso. Aquí temos unha idea, que é cumprir coa directiva comunitaria, pero tamén temos un proxecto serio e rigoroso, científico e avalado por estudos", insistiu.
A pesar das críticas do PP indicando o contrario, Silva asegurou que os resultados dos residuos enviados a Sogama "van sendo moi positivos" e matizou que isto "é un proceso que vai avanzando a medida que se vai implementando". "Non imos parar sexan cales sexan os intereses económicos que hai detrás de algúns cuestionamentos. Este é un gran proxecto", dixo.