"Forzas escuras empregan métodos pouco correctos para conseguir un goberno afín"

Miguel Anxo Fernández Lores analiza a vindeira campaña electoral en Pontevedra e explica algunhas perspectivas respecto ós rivais, e ó futuro da cidade 
CONCELLO Entrevista a Lores (_G4A6344.JPG)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores. GONZALO GARCÍA

DIXO esta semana que prevé unha campaña "dura e marrulleira".

Si. Vai ser dura porque xa o estamos vendo. Non hai un proxecto detrás. O problema é que son críticas vacías . Están buscando cousas que non existen, fan escraches... Cantas veces se foi ao xulgado? Son forzas escuras de dentro e de fóra de Pontevedra que non son capaces de poñer un goberno afín e non gañan eleccións, o que fai que empreguen métodos que non son os correctos.

A que forzas escuras se refire?

Os que non queren que esta cidade avance. Os que están defendendo privilexios e prebendas e que van empregar todos os medios porque non lles gusta o goberno actual, que aposta pola calidade de vida para toda a cidadanía, e porque se invista en todos os lados, polo medio ambiente... E están usando métodos marrulleiros, pero, sobre todo, porque detrás non hai un proxecto claro que non sexa volver atrás.

Prevese unha campaña electoral longa, tendo en conta que falta un ano para as eleccións, non?

Se a pregunta é se nós iniciamos a campaña a resposta é non. Temos por diante un ano moi intenso de traballo e temos que dedicar un esforzo moi grande á xestión municipal. Non imos detraer capacidade de traballo e xestión para meternos nunha campaña dun ano e pico. E iso ocorre porque temos moitísimos proxectos en marcha, a covid retrasou moitos deles. O tema do lixo require moita información cidadá que non puidemos facer porque non podía haber reunións. Retrasáronse proxectos. Houbo problemas de subministración e houbo problemas en empresas que nos deixaron os proxectos á metade. Pasoulle á Dirección de Costas no Paseo de Marín, estalle pasando á Xunta na estación intermodal, e pasounos a nós co Teatro Principal. Retrasamos a urbanización da Santiña, que é o único tramo urbano do Camiño Portugués a Santiago que aínda non ten un tratamento exquisito. Temos un proxecto para arreglar ata Tomeza, Canicouva ata Soutomaior... Moito traballo por diante.

"Os cartos que estamos pagando polo uso da planta de compostaxe estanse reinvestindo en coidar do monte"

E ademais tamén condiciona que se trata dun ano marcado pola pandemia e pola inflación.

Si. Despois da pandemia onde sufrimos moito a nivel económico, sanitario, psicolóxico... engadíuselle todo o tema da inflación que temos agora e que está afectando á cidadanía. Imos ser todos un pouco máis pobres, agás uns poucos, que serán un pouco máis ricos.

Agora que xa sabemos que é alcaldable, que opinión ten das propostas que teñen sobre a mesa os seus rivais políticos?

O PSOE aínda ten que resolver entre o tenente de alcalde Tino Fernández e Iván Puentes. O PP repite con Rafa Domínguez... Normalmente non opino sobre os candidatos e tampouco sobre enquisas. O que temos que facer nós é elaborar unha proposta, non quero vivir de rendas nin enganar a ninguén, tampouco nunca prometín nada que non intentase facer. Os demais... alá eles. A min o que me interesa é que os resultados electorais sexan suficientes para poder seguir avanzando e abrir unha nova etapa totalmente diferente para Pontevedra.

A Fiscalía, a instancias dunha denuncia do PP, investiga o contrato de aluguer da planta de compostaxe da Canicouva. Preocúpalle? 

O tema da Canicouva é o PP. Aí si que xa estou falando expresamente do PP, que ten unha obsesión e unha oposición ao tema da compostaxe de sempre, a pesar de que xa o PP a nivel galego e Sogama cambiaron e apostan pola compostaxe. Está funcionando de maneira espectacular. O tema do lixo ten que ser entendido polos cidadáns. Ten que haber un cambio de paradigma. O lixo é de quen o produce e cada un ten que ter esa responsabilidade e a administración ten que darlle unha saída. Están obsesionados coa planta da Canicouva. Co problema das plantas de compostaxe o máis importante é que haxa acordo para a súa ubicación. No seu momento ese proxecto retrasouse porque a Deputación, que ía entrar, ao final non entrou, logo a nivel lexislativo está cambiando todo o tempo... O 30 de xuño entra en vigor a obriga de separar os biorresiduos para municipios de máis de 50.000 habitantes, e aí Pontevedra está máis preparada. Por outra parte, nós somos conscientes de que o monte comunal é un activo para a cidade e tamén para o medio ambiente. Subministra o osíxeno e hai que coidalo para prever os incendios forestais. Trala vaga de incendios do ano 2006, puxemos en marcha no Concello o plan Monte Vivo e fixemos dous parques forestais no municipio. Hai que meter cartos públicos no monte, esa colaboración entre as comunidades de montes, a cidade e os veciños estase facendo regularmente. Gastamos 450.000 euros no monte da Tomba e 600.000 no parque forestal da Fracha. E iso para que? Para coidar do monte. Os cartos que estamos pagando polo uso da planta de compostaxe estanse reinvestindo en coidar do monte.

"Temos por diante un ano moi intenso e non imos detraer capacidade de traballo e xestión e meternos nunha campaña dun ano e pico"

"Temos que reeditar a M4 para comprometer ás administracións con Pontevedra" 

Entre os proxectos que agarda Pontevedra desde outras administracións mencionou esta semana a circunvalación e lembrou a famosa M4, a mesa na que estaban representadas as administracións para impulsar estas propostas.

Foi iniciativa deste Concello. Hai que recordalo todo. Estamos preocupados polas infraestruturas, estamos preocupados por como afectamos negativamente ao medio ambiente, polo transporte... Por outa parte, se se está facendo o hospital único é porque nos empeñamos en facer hospital único. Na M4 estaban moitas cousas, a variante a Marín, que se fixo, aínda que non era o trazado que propuxemos nós. E iso foi unha coordinación coa iniciativa política desde aquí. A Xunta ten que facer a variante, o Estado tería que ter feito o Nudo de Bombeiros que está no limbo. Informamos hai cinco anos favorablemente o proxecto. Da circunvalación estase facendo un tramo só, outro está sen contratar e outro en estudo de impacto. Probablemente teremos que editar unha M4 para retomar todo iso e comprometer ás administracións a que fagan algo con coherencia porque, ao final, o que importa é que se todos colaboran pódense sacar as cousas adiante.

Dicía o ano pasado que este era o ano de Santa Clara, que xa forma parte do patrimonio de Pontevedra pero co que queda moito por facer.

Sabía que ía ser unha explosión de ilusión, pero que en seis meses foramos capaces de contratar un estudo arqueolóxico, que pasaran 17.000 persoas xa por alí, que a xente queira coñecelo... Todo o mundo valora que foi a maior operación urbanística desde o século XIX. Hai unha colaboración leal coa Deputación e imos sacarlle a máxima rendibilidade. O Museo de Pontevedra é o museo provincial máis importante de Galicia, con máis de 20.000 metros cadrados de exposición. E logo todos os fondos que ten que son moitísimos. Santa Clara vai supoñer un impulso importante para o Museo, e para cidade en xeral.

Comentarios