A Fracha xa conta cun novo bikepark con tres circuítos de distinto nivel

Na estrea, o alcalde destacou que o espazo "é froito da colaboración entre Concello, Comunidade de Montes e os ciclistas"
O espazo abriuse este domingo na Fracha. DP
photo_camera O espazo abriuse este domingo na Fracha. DP

O parque forestal da Fracha conta desde este domingo cun espazo dedicado á bicicleta de montaña. O novo bikepark está dividido en tres percorridos de descenso: A Costiña, Argallas e Regueiros, que se corresponden con tres niveis de dificultade diferente. A súa apertura contou coa presenza do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e do coordinador do rural, Alberto Oubiña, que subliñaron a gran cantidade de xente que se achegou ata a zona para gozar por vez primeira desta nova instalación. O novo espazo é froito da colaboración entre o Concello, un grupo heteroxéneo de ciclistas e a Comunidade de Montes de Marcón.

Decenas de ciclistas de todas as idades chegaron de diferentes puntos para gozar dos novos circuítos e probar as súas habilidades por eles ó longo das 16 hectáreas da parcela elixida para a súa construción. Ó acto asistiu ademais o presidente da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, Iván Pérez; o presidente da Comunidade de Montes de Marcón, Óscar Coto; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz.

Ademais Eva Castro e Toni Ferreiro, dúas figuras da BTT, compartiron experiencias coas ducias de persoas que asistiron á estrea.

O circuíto permanecerá aberto agora ao público para o seu goce, e queda para o futuro como un exemplo "de xuntar vontades entre entidades e persoas", en palabras de Lores. "Damos un novo paso na diversificación dos usos do monte, do lecer e do coidado da nosa contorna. O Concello de Pontevedra seguirá a traballar nesta liña, conxugando ocio e coidado do medio rural", engadiu.

Doutra banda, o Concello fixo un chamamento á responsabilidade individual de todos aquelas persoas que se acheguen aos novos percorridos ciclistas.

Comentarios