Desde as froitas musicais ao mal que fai o azucre: todo cabe en Pontenciencia

A VI Feira da Miniciencia reúne en Forestais 47 proxectos: 19 realizados por alumnado de nove centros de Primaria, oito realizados por nove familias e 20 estudantes de Secundaria 

Alumnado de Primaria e Secundaria expuso este venres as súas investigacións en Forestais, onde recibiron a visita de Fouces e Lores. J.L.OUBIÑA-R. FARIÑA
photo_camera Alumnado de Primaria e Secundaria expuso este venres as súas investigacións en Forestais, onde recibiron a visita de Fouces e Lores. J.L.OUBIÑA-R. FARIÑA

As froitas xeran electricidade e poden facer música cun toque humano. Foi a descuberta do alumnado do CEE Pontevedra, mentres o do Sagrado Corazón de Placeres chegou á conclusión de que demasido azucre nas merendas pode provocar numerosas enfermidades.

Preto de 350 alumnos de nove colexios da cidade participaron este venres na Escola de Enxeñaría Forestal na presentación dos resultados de 19 experimentos desenvolvidos nas aulas. É a sexta edición de Pontenciencia, que promoven o Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo co obxectivo de espertar o interese pola investigación científica entre as novas xeracións. A estes 19 proxectos súmanse as 20 investigacións realizadas por máis de 50 estudantes de cinco centros de Secundaria e Bacharelato –a súa participación empezou de xeito testemuñal o ano pasado e agora duplica á dos máis noviños– e ás oito investigacións realizadas por nove familias. Entre todos suman 47 investigacións. O programa complétase con máis de 20 talleres e actividades.

Outros tres exemplos que defenderon diante do xurado avaliador foron a demostración de que refrescos e bebidas enerxéticas poden causar danos nos dentes (CEIP San Benito de Lérez); o estudo de como peso, forma e o tipo de fluído determiñan a capacidade de flotar de diferentes obxectos (CEIP Cabanas) ou o proxecto de "prótese reciclable" realizado polo alumnado do CEIP Froebel. Partindo da análise dos danos que causan as minas antipersoa deseñou e programou unhas próteses que reproducen, con material de refugallo como cartón e plástico, os movementos dunha man.

"Estamos falando dos alicerces da ciencia do futuro", sinalou o vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen visitou os estands xunto ao alcalde en funcións, Miguel Anxo Fernández Lores; a edil de Educación en funcións, Carme Fouces, e o director da EE Forestal, Juan Picos. "Para nós é un evento moi importante, porque a Universidade quere fomentar as sinerxías coas escolas e institutos de Pontevedra", engadiu Soto.

"Falamos dos alicerces da ciencia do futuro", subliñou o vicerreitor, mentres Lores destacou a "asombrosa capacidade" do alumnado máis novo

"É unha forma de que, desde as primeiras idades, os nenos se acostumen a investigar e profundar nas cousas e a empregar o método científico para chegar a unha conclusión", engadiu Fernández Lores deste evento financiado pola Fundación para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt) do Ministerio de Educación. O alcalde tamén subliñoiu a "asombrosa a capacidade que teñen os nenos, obviamente axudados polos profesores, de formular hipóteses, de chegar a conclusións e de analizar o que pasa no mundo".

PREMIOS. O traballo das crianzas en Pontenciencia ten, ademais do valor científico, outros aspectos formativos moi importantes: a oratoria, como expor un proxecto; o respecto aos outros ou o traballo en equipo, enumerou. "Desde o Concello seguiremos apostando por Pontenciencia".

Este sábado será a quenda das familias, que durante toda a mañá exporán as súas investigacións. A feira pecharase coa entrega de premios aos mellores proxectos, segundo o criterio do comité avaliador, coordinado pola profesora da EE Forestal Purificación Marcet e integrado por máis dunha vintena de investigadores de diferentes centros do campus, da Escola Naval Milital e do CSIC.

Comentarios