Os furancheiros piden diálogo á Xunta para non ter que tirar os excedentes

A Federación Provincial insta ao Goberno galego a buscar solucións concretas ante a situación de precariedade na que se atopan moitas familias do rural
Un cartel de furancho. DAVID FREIRE
photo_camera Un cartel de furancho. DAVID FREIRE

A Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra, ante a situación de "precariedade" na que se atopan as familias do rural que dan saída aos excedentes do viño de autoconsumo (xa que non puideron abrir as portas dende o 16 de marzo coa situación de peche xeneralizado pola pandemia sanitaria) piden diálogo á Xunta de Galicia para non ter que tomar a decisión de ter que tirar dentro de catro meses o viño sobrante do ano pasdo ou non vendimar parte da colleita do presente por non ter capacidade de almacenamento.

Recorda que a día de hoxe hai moitas familias que inda non puideron abrir as portas dos seus furanchos ou loureiros. "O Decreto 215/2012 que regula a temporada de apertura limita esta, incluíndo os períodos por causa xustificada a 31 de xullo. Ese mesmo decreto autoriza que un furancho ou loureiro poda ter aberto até un máximo de tres meses para dar saída a todos os seus excedentes de viño de autoconsumo". Por iso, precisa que nas circunstancias actuais ás familias que abran agora quédalle un mes e medio de actividade, no caso de que se lles permita ir até o 31 de xullo. "Se nalgún concello non puidesen abrir máis aló de 30 de xuño, só dispoñen de 25 días fronte aos 90 doutros anos. A isto hai que engadirlle que as aperturas teñen que ser con restrición de asistentes polas obvias restricións sanitarias".

Conscientes deste problema, xa ao principio da declaración de alarma a Federación de Furancheiros pedíu á Xunta e aos concellos afectados que adoptasen as medidas administrativas e legais necesarias encamiñadas a garantir que todas estas familias dispuxeran da posibilidade de abrir durante tres meses. A esta petición dende o Goberno da Xunta respondeuse cunha recomendación aos concellos de que tomen en consideración a ampliación da tempada até o 31 de xullo.

"Dende o Goberno galego non se teñen dados mostras de querer enfrontar con seriedade e rigor o problema sobrevido, por causas alleas a elas, a estas familias do rural, pero dende a Federación de Furancheiros non renunciamos ao noso talante negociador e seguimos coa man tendida a tódalas administracións, neste caso en especial á Xunta que é que ten competencias nesta materia".

Comentarios