Festivais: Cultura Quente e PortAmérica

Furious Monkey House compón o tema principal da película de Zipi y Zape

'Life Into the Wild' é a canción que o grupo de Pontevedra interpreta na banda sonora do filme
O grupo de nenos de Pontevedra rodeado por algúns dos protagonistas da nova adaptación ao cine dos personaxes de Escobar
photo_camera O grupo de nenos de Pontevedra rodeado por algúns dos protagonistas da nova adaptación ao cine dos personaxes de Escobar

O grupo de rapaces de entre 11 e 14 anos de Pontevedra Furious Monkey House é o autor e intérprete do tema principal da película Zipi y Zape y la Isla del Capitán. A nova entrega desta adaptación ao cine das aventuras dos personaxes, creados por José Escobar, incluirá a canción Life Into the Wild, segundo anunciou Atresmedia, que participa na produción da película e que tamén está vinculada á banda pontevedresa a través da súa división Neox Kidz, e confirmaron os representantes do grupo, Esmerarte. O filme estréase o 29 de xullo.

‘Zipi y Zape y el Club de la Canica’ foi a primeira versión cinematográfica que se fixo inspirada nos tebeos de Escobar. Dirixida por Óskar Santos, converteuse na película española máis taquilleira do ano 2013 (pasándolle por enriba aos traballos estreados aquel ano por Álex de la Iglesia ou Pedro Almodóvar, entre outros) e conseguiu ser candidata a tres premios Goya (montaxe, efectos visuais e guión orixinal). O éxito do título animou aos produtores e a Santos a realizar unha nova entrega, que contará entre os seus protagonistas con Elena Anaya. Teo Planell e Toni Gómez son os novos Zipi e Zape, que estarán acompañados por un grupo de amigos aos que dan vida Iria Castellano, Máximo Pastor e Ana Blanco.

Segundo Atresmedia,"Zipi y Zape y la Isla del Capitán es una evolución de la primera entrega, pero con nuevos personajes, nuevos villanos y un nuevo desafío". O filme rodouse o pasado verán en Hungría e Euskadi e será distribuido por Buena Vista Internacional (a distribuidora de Disney).

BANDA SONORA. Se na primeira película de Zipi y Zape o tema central foi cousa de Cali y El Dandee, a banda sonora correu a cargo do compositor de Getxo Fernando Velázquez (8 apellidos vascos, Lo imposible), que repite nesta ocasión. As pezas instrumentais que soan no filme foron gravadas coa Orquesta Sinfónica de Bilbao. Nesta ocasión, o resultado estará arroupado polo tema dos Furious Monkey House, do que se pode escoitar un adianto na web de Antena 3.

Sobre o argumento do filme, Atresmedia explica que, desta vez, a trasnada dos xemelgos é tan grande que son castigados sen vacacións e obrigados a acompañar aos seus pais nunha viaxe, que resulta ter como destino unha illa remota, onde vivirán toda unha aventura.

O proxecto Furious Monkey House naceu en marzo de 2014 en Pontevedra da man do músico e mestre Gonzalo Maceira, que creou unha banda de rock con algúns dos cativos aos que lles daba clase. Manu Tomé, Amaya Blanco, Carlota Montoya, Irene Teijeira e Mariña Paz son os actuais compoñentes dese grupo, que subiu por primeira vez a un escenario na sala Karma o 7 de xuño de 2014 e uns meses despois estaba gravando o seu primeiro disco, Run, nos estudios Abbey Road en Londres. Co lanzamento a nivel nacional deste traballo, da man da produtora e promotora Esmerarte (Xoel López, Vetusta Morla), os rapaces acadaron unha gran popularidade que os levou, por exemplo, a esgotar as entradas do seu primeiro concerto en Madrid.

Comentarios