Galegas 8M chama ás mulleres da comarca a mobilizarse o domingo

A manifestación, que pon o centro das reivindicacións feministas nos coidados, terá lugar ás 17.30 horas dende a Praza do Hospital
Presentación das mobilizacións do 8-M. GONZALO GARCÍA
photo_camera Presentación das mobilizacións do 8-M. GONZALO GARCÍA

As vilas e cidades galegas volverán tinguirse de lila un ano máis na celebración do Día Internacional da Muller. Pontevedra acollerá ás mulleres da comarca nunha manifestación que partirá ás 17.30 horas do propio domingo, 8 de marzo, dende Praza do Hospital. A marcha rematará na Praza da Ferrería e terá como lema Sen coidados non hai vida, escollido polo colectivo Galegas 8M para centrar as reivindicacións deste ano. "Queremos centralo na reivindicacióndos coidados, os que son remunerados e os que non», indicaban as representantes de Galegas 8M en Pontevedra, que falaban dos coidados como «un ben social pouco valorado".

A plataforma non convoca para este ano folga laboral debido á dificultades de moitas mulleres especialmente prezarizadas para secundala. "É difícil facer folga de coidados e máis cando coincide en domingo", contan.

A mobilización dende a Praza do Hospital non será a única, de xeito que as mulleres de Vilaboa sairán desde o Concello limítrofe ás 15.00 horas en dirección Pontevedra e serán recibidas na Praza 8 de Marzo polas pontevedresas a arredor das 16.30 horas. Así, Pontevedra reunirá ás manifestantes chegadas de toda a comarca.

As feministas de Marín celebrarán tamén unha manifestación o próximo venres, 6 de marzo. Unha das súas representantes manifestou onte o seu descontento co Concello marinense, quie organiza para o 8 de marzo unha andaina e unha desgustación gastronómica. "O 8-M non é unha xornada festiva, senón un día de loita", indicaban.