"O galego non limita, o galego abre camiños"

Comparten o premio co profesorado do ensino público de Pontevedra, "que seguen tirando dos rapaces", e co seu alumnado «marabilloso» dos institutos Valle Inclán e do Sánchez Cantón, do que se senten orgullosos
Entrevista y foto de familia a los nuevos Premios Cidade de Pontevedra en A Ferreria Vitoria Ogando Anxo Gonzalez y el Club de Tenis de Mesa de Monte Porreiro
photo_camera Entrevista y foto de familia a los nuevos Premios Cidade de Pontevedra en A Ferreria Vitoria Ogando Anxo Gonzalez y el Club de Tenis de Mesa de Monte Porreiro

SON COMPAÑEIROS de vida e de profesión. Ambos os dous profesores, agora xubilados, de Lingua e Literatura Galega. Vitoria Ogando Valcárcel (Bos Aires, 1956) deu clases no instituto Valle Inclán e Anxo González Guerra (Trasar de Carballo, Carballedo, Lugo, 1955) no Sánchez Cantón. Aínda que non naceron na capital das Rías Baixas, senten Pontevedra como a súa casa. «Somos ‘ptv’», bromean. O seu será un premio compartido, ex aequo, e chega nun bo momento. «Mellor que chos dean en vida. Este é un país, xa non falo de Galicia, senón tamén de España, na que se honra aos mortos», apunta Vitoria.

Como lles caeu este Premio Cidade de Pontevedra?

Vitoria: Fenomenal. Os recoñecementos sempre caen ben. É unha alegría por ser a nosa cidade de adopción e na que decidimos pasar a nosa vida. É unha felicidade completa.

Anxo: Estamos moi contentos porque tamén é un recoñecemento aos ensinantes do ensino público, que tanto hai en Pontevedra. Queremos compartilo con eles, cos nosos compañeiros do Sánchez Cantón e do Valle Inclán e con todos os outros profesores que nos Vitoria Ogando e Anxo González, onte, na Ferrería. rafa fariña acompañaron e que seguen agora na pandemia con moitas dificultades, tirando dos rapaces e cun ensino de calidade que teñen os institutos de Pontevedra. Non hai máis que ver como triunfa o alumnado dos institutos. Eu, por exemplo, teño alumnos espallados por todo o mundo. Dende Moscú ata Brasil, Bruxelas, Brasil ou Estados Unidos. E xente que está traballando en sitios punteiros.

O galego limita?

Anxo: O galego non limita. O galego abre camiños. Todos os nosos alumnos teñen competencia en español, sen problema ningún. E tamén cara o mundo portugués, Brasil ou Angola. Se, ademais disto, aprenden inglés ou francés, poden entenderse directamente coa maioría do mundo.

Vitoria: O galego non limita, como non limita ningún idioma. Os idiomas non ocupan lugar. Saber galego non impide aprender outro idioma. Todo o contrario. Abre as posibilidades, incluso dende o punto de vista fonético. Os idiomas nunca limitan.

Que nota lle dan ás políticas lingüísticas en Galicia?

Anxo: Cada vez son máis asociacións culturais e xente en concreto a interesada neste tema, máis que as autoridades. Tamén é certo que hai concellos, como o de Pontevedra, que é un exemplo en apoio e uso do galego. Ás veces, as leis que crean as autoridades quedan un pouco de floreiro. Non hai verdadeiro interese por fomentalo. Temos un montón de músicos novos que cantan en galego, con marabillas como as Tanxugueiras. Pero ás veces parece que precisamos que nolo apoien dende fóra. Salvo excepcións, eses cantantes non teñen aquí o apoio suficiente da sociedade ou das autoridades para que sexan visibles. Pasa o mesmo coa literatura infantil e xuvenil. Aquí, o idioma que está en inferioridade de condicións é o galego. E é ao que hai que axudar. Por lei.

Vitoria: Si, porque a lei moitas veces quédase niso, en lei. O famoso decreto do 33% de ensino en cada lingua fíxose para limitar o galego. Porque o 33% non se dá nin en inglés nin en francés, pero tampouco en galego.

Que máis botan en falta da súa etapa de mestres? Volverían ao ensino activo?

Vitoria: Boto de menos o alumnado, que é unha marabilla. Volvería ao ensino? Hoxe en día, non. Porque hai que deixar paso á xente nova que non atopa traballo. Tamén porque cada día están burocratizando máis o ensino. Cada vez hai máis papeleo e menos ensino.

Anxo: O alumnado é marabilloso. Eu, no Sánchez Cantón, sempre tiven alumnado castelán falante. Eran escasísimos os que alí falaban en galego. Pero nunca me deu ningún problema iso. Ningún alumno se me rebotaba. Agora estou asombrado da cantidade de alumnos que, sendo antes castelán falantes, agora son militantes do galego. O que eu lles dixen e o que foron vendo fermentou neles co paso do tempo e deu lugar a moitas cousas.

Por que falar en galego?

Anxo: Porque é unha oportunidade para coñecer unha cultura e entenderse coa xente. Se un ten unha lingua máis ten máis riqueza. Saber galego serve para ter acceso a outras linguas, como o portugués e mesmo para aprender inglés ou francés. Ademais, está demostrado que os nenos bilingües teñen moitísima máis facilidade para aprender unha terceira lingua que os que só teñen unha.

Vitoria: Porque é unha lingua, porque é a lingua deste país e dos nosos antepasados. E porque é a forma que temos de entender o mundo. O exemplo tópico está na chuvia. Hai máis de cen palabras en galego para falar dos diferntes tipos de chuvia. Por que? Porque neste país chove moito. Porque, como dixo Castelao, se imos contribuír á arte universal non vai ser copiando aos de fóra. Será co que nós construamos aquí e na nosa lingua.

Comentarios