Que á hora de crear e difundir contidos a través das redes sociais o uso do galego pode ser unha ferramenta coa que chegar a múltiples públicos foi unha das ideas que este martes puxeron de relevo os participantes en Comunica en galego, unha xornada promovida pola Facultade de Comunicación, co patrocinio da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, que tiña como obxectivo "dar visibilidade aos creadores e creadoras de contido en galego en distintas redes", tal como salientou o seu coordinador, o profesor Xosé Baamonde, informou o Duvi.
O encontro contou coas intervencións de Borxa González, da comunidade Orgullo Galego; Uxío Broullón, de PodGalego, da tiktoker Leti Da Taberna e do creador da canle A Lobeira Today, Fran Bermúdez. A través dun achegamento ás súas diferentes iniciativas, tratouse de amosarlle ao alumnado que, no eido da comunicación, "que fagamos uso do noso idioma é unha vantaxe diferencial", como salientou a secretaria académica da facultade, Silvia García Mirón, no acto de apertura.
Con máis de 400.000 seguidores de preto de 80 países nas diferentes redes sociais, a experiencia de Orgullo Galego centrou o primeiro dos relatorios da xornada. Un dos seus impulsores, Borxa González, relatou a traxectoria dunha iniciativa que naceu como unha páxina de Facebook e que se converteu "nunha comunidade que chega a milleiros de persoas, facendo contidos exclusivamente en galego", o que mostra, sinalou, que o idioma "non é un atranco", senón "unha ferramenta que pode axudar a chegar a moitísima xente" e coa crear todo tipo de contidos. A importancia que ten nese senso xerar contidos de diferentes temáticas e tipoloxías de cara a mostrar que o galego é un idioma "tan válido como calquera outro" foi unha das cuestións salientadas a continuación por Uxío Broullón, un dos fundadores de PodGalego, un espazo nacido hai máis de 15 anos co obxectivo de reunir nun portal todos os podcast en galego, que aglutina máis de 130 espazos.
HUMOR E RETRANCA. "O galego na rede pode ter a mesma utilidade que calquera outra lingua en todos os contextos", engadiu Leticia Mirás, a impulsora da canle de TikTok Leti Da Taberna, con máis de 20.000 seguidores. Creada durante o confinamento, presenta unha serie de pezas marcadas por un "humor moi particular" e polo uso da retranca. "Fóra do galego, o meu contido non tería sentido", incide. O uso dun idioma "non lle vai dar valor por si só" aos contidos, pero "hai cousas que podemos transmitir mellor na nosa lingua". O encontro pechouse coa intervención de Fran Bermúdez, impulsor da canle A Lobeira Today, que centrou a súa intervención en presentar a asociación cultural Obradoiro Dixital Galego.