O Galegote Rock explora novos espazos

A Praza do Peirao e as escaleiras do Museo incorpóranse aos lugares que acollerán concertos do festival, que celebrará o seu día grande o 28 de abril ► Dakidarría e Ataque Escampe, no cartel deste ano

A actuación de Querido Extraño (Arturo Delgado), como o ano pasado, servíu para presentar, no Centro de Interpretación das Torres Arcebispais (CITA) de Pontevedra, a nova edición do Galegote Rock, "que demostra que en galego se pode facer algo máis que folk", segundo dixo o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.

O coordinador do festival, Marcos Rivas, anunciou a incorporación de novos espazos ao evento, entre eles, a Praza do Peirao e as escaleiras do Museo (rúa Juan Novás Guillén). Ademais, avanzou que entre os artistas que actuarán este ano hai varios premiados con Martín Códax da Música, por exemplo, Os Amigos do Músicos e Dakidarría. Todas as actuacións, a grande maioría polas rúas e prazas da cidade, son de entrada libre e gratuíta.

Os concertos quedaron abertos coa actuación de Querido Extraño, "o único músico pontevedrés que madruga", bromeou antes de interpretar os seus temas. As coruñesas Eu Son Voodoo recollerán o testemuño o mércores 25 de abril no Grifón (22.00 horas).

Ao día seguinte tocarán Boyanka Kostova, grupo de composteláns exalumnos da facultade de Belas Artes, na Sala Karma (23.00). As actividades previas rematarán da man de Monoulios DOP, o venres 27 de abril, en El Pequeño (21.30). "Eu recoméndovos que non volos perdades porque son moi divertidos", comentou Rivas sobre estes últimos. "Collen temas das radiofórmulas moi populares e versiónanos con letras propias en galego".

"Co Galegote demostramos que se pode escoitar moita e moi boa música en galego e que non é necesario estar ata as seis da mañá para gozar de bos concertos"

A xornada central do Galegote, o 28 de abril, inaugurarana os rapeiros Son da Rúa na Praza do Peirao (12.30). "Aproveitaremos a súa actuación para realizar un obradoiro de grafiti con rapaces. Estará guiado polo pontevedrés O'Ras. Xogaremos co logo do Galegote, que deseña Guillotina [sinatura que empregan un rapaz de Pontevedra e outro de Marín para os seus traballos] e textos de María Victoria Moreno".

Despois (13.40) virán Cinta Adhesiva na Praza de Santa María. "Trátase dun proxecto vigués literario-musical, que non é habitual ver ao aire libre, xa que normalmente realizan espectáculos en sitios pechados empregando proxeccións".

Pola tarde (17.00), Espiño (ex Los Chavales) actuará na Praza da Pedreira; Esposa, na rúa Juan Novás Guillén (18.15); Ataque Escampe, "que repiten no Galegote", na Praza de Méndez Núñez (19.20), e The Lelly Kelly's, "que veñen dende Moaña", diante do Mercado de Abastos (20.20). O festival pecharase cos concertos de Os Amigos dos Músicos (21.20) e Dakidarría (22.30) na Praza de Méndez Núñez.

"Penso que demostramos con iniciativas como o Galegote, por un lado, que se pode escoitar moita e moi boa música en galego e, por outro, que non é necesario estar ata as seis da mañá nun festival convencional para gozar de bos concertos, pódese facer durante o día polo centro da cidade", comentou Rivas, que tamén anunciou que a marca Nasa lanzaría dous tipos de cervexa coa marca do festival.