Dinamizar as economías locais apoiando a creación de emprego de calidade e aproveitando os recursos e fortalezas das distintas zonas da comunidade para crear novas oportunidades económicas, fixar poboación e fomentar novas alternativas para facer os pequenos concellos máis atractivos e competitivos son algúns dos obxectivos da rede de coworkings que a Xunta de Galicia puxo en marcha en 2016 e que reactivará no primeiro trimestre do vindeiro ano coa posta en marcha de once espazos.
Este tipo de lugares de traballo, destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, están deseñados para aumentar as posibilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar máis de 700 proxectos e crear 384 empresas en Galicia.
Os espazos de coworking, que desenvolve a administración autonómica a través do Igape, e en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), situánse repartidos por toda a xeografía galega e teñen como obxectivo que os emprendedores poidan poñer en marcha os seus proxectos empresariais.
Orixes. A rede de espazos coworking creouse no 2016 e no 2022 vaise celebrar en once sedes das catro provincias. Os primeiros coworkings en poñerse en marcha foron: Santiago de Compostela, especializado en industrias culturais e tecnoloxías; A Mariña, con sede en Mondoñedo; Ferrolterra, con sede en Ferrol; A Ribeira Sacra, con sede en Monforte; e A Costa da Morte, con sede en Cabana de Bergantiños.
No seguinte ano incorporáronse o centro do Salnés, especializado en turismo e alimentación, e o de Ourense, con sede no poligono de San Cibrao das Viñas e que en 2022 celebrarase na Tecnópole.
Completan a rede o centro da Ulloa, en Palas de Rei, vinculado ao Camiño de Santiago; o do Carballiño, con sede no Irixo; o de Valdeorras, con sede na Rúa; e o do Deza, con sede en Lalín.
O coworking do Salnés ten a súa sede no Pazo de Vista Real, en Vilanova de Arousa, e por el pasaron proxectos como Artio, bebida isotónica producida a partir de auga de mar, ou Natural Snack Lab, o proxecto que impulsa a comercialización de snacks naturais feitos a base de froitas deshidratadas.
Éxito: esta iniciativa ter permitido ata o de agora apoiar máis de 700 proxectos e crear 384 empresas
Na provincia de Pontevedra, en 2022, como novidade, tamén se porá en marcha o espazo da comarca do Deza, con sede en Lalín.
Asesoramento. A finalidade da rede de coworkings é que os participantes teñan a oportunidade de dar forma aos seus proxectos participando en obradoiros, sesións formativas grupais, mentoring e eventos que potencien a relación entre distintos proxectos e emprendedores.
Neste sentido, os coworkings, máis alá do propio espazo de traballo, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.
Os espazos nos que se imparten as sesións formativas contan coas tecnoloxías e servizos precisos para desenvolver os proxectos e, ademais, os emprendedores contan cun orientador, 40 horas de titorización por iniciativa e 60 horas de formación en competencias de emprendemento e xestión.
Os novos espazos configuran, así, un lugar de traballo colaborativo posto a disposición dos concellos, favorecendo o impulso de zonas rurais ao achegarse un programa de alto valor engadido a estas contornas.
Estes espazos empregaranse varias veces por semana, para as sesións de formación e para as titorías co mentor, tendo así flexibilidade suficiente para adaptarse ás posibilidades que poida ofrecer o Concello. Cada edición do coworking terá unha duración aproximada de entre 5 e 6 meses.
Na parte final da formación organízase unha xornada de traballo na que os emprendedores teñen que presentar os seus proxectos ante o equipo docente e membros de empresas.
Acelerdoras: Agrobiotech, ViaGalicia ou as busines factories son outro dos programas de crecemento e aceleración empresarial
Esta iniciativa promovida pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación enmárcase dentro da rede de aceleradoras que apoia o Goberno galego e da que forman parten outros programas como Agrobiotech, ViaGalicia, Galicia Open Future, Connecting for Good Galicia ou as business factories vinculadas á industria da automoción (BFAuto), o sector agroalimentario (BFFood) e oaeroespacial (BFAero).
Alberto Lendoiro, impulsor de Fruitah Snack Natural: "A participación é moi interesante porque é como un banco de probas para testar a idea"
Elaborar un snack natural a base de froitas é o proxecto empresarial de Alberto Lendoiro. Baixo o nome de Fruitah! o empresario pontevedrés comercializa un snack a base de mazá e kiwi.
Esta fin de semana, na Feira do Gourmet galego Etiqueta Negra, presenta un novo produto co que amplía a súa oferta: un snack elaborado a base de plátano, café, xenxibre e canela. "Vimos de participar na primeira feira vegana, en Vigo, e a verdade é que a acollida foi moi boa, o noso produto gustoulle moito á xente", di Lendoiro.
O responsable da firma xa estaba traballando no seu proxecto cando participou na primera edición do coworking do Salnés, promovido pola Xunta de Galicia e non dubida en recomendar este tipo de iniciativas.
"A participación no coworking é sempre interesante. Para min é como un banco de probas. É unha forma de testar a idea diante da xente e ver a súa acollida antes da proba definitiva ante o público xeral porque, unha vez no mercado, os erros páganse máis caros. Para min participar no coworking do Salnés foi unha boa oportunidade de comparar o proxecto e compartir os inicios con outras persoas que se atopan nunha situación similar á tua. Os comezos creo que é un dos momentos máis complicados, porque te atopas como perdido, e ter a profesionais da empresa e do marketing ao teu carón dáche certa tranquilidade", comenta Alberto Lendoiro.
O emprendedor tamén considera moi positivo a participación no coworking polo aspecto formativo. "Melloras e aprendes moito porque os titores e os outros emprendedores ", explica.
"O apoio dos mentores é moi importante e tamén estar rodeado de xente na mesma situación ca ti, xérase un clima moi bo no que conflúen as ideas para mellorar o teu traballo, ou viceversa. No meu caso, como é un produto alimentario, testar as impresións doutra xente sobre o meu produto foi moi positivo", comenta o emprendedor.
O covid-19 supuxo un freo nas aspiracións de crecemento de Fruitah. Despois de superar o complexo e lento proceso burocrático para chegar ao mercado apareceu a pandemia. O virus pechou os establecementos e con eles as opcións de que o produto de Alberto Lendoiro chegase a novos establecementos.
"O Covid-19 paralizou o proxecto. Estivemos practicamente un ano e medio parados porque cando íamos saír a promocionar o noso produto comezou a pechar todo. Mantivémonos cun nicho aberto en Pontevedra e Vigo e agora estamos intentando expandirnos e chegar a outros puntos de Galicia coma Santiago, por exemplo", di o empresario.
Natural. O segredo de Fruitah é que é un producto 100% natural elaborado de xeito artesanal. "Controlamos todo o proceso: mercamos a froita, facemos o puré e o proceso de deshidratado. Os nosos snacks non levan azúcares engadidos nin aditivos", explica.
Na descrición explícase que "é un produto sen gluten e vegano, lixeiramente crocante como un barquillo, de sabor intenso e prolongado. A moita xente recórdalle a compota ou a mazá asada que facían as avoas".
O snack de mazá e kiwi, o primeiro en saír ao mercado, pódese atopar en pequenas tendas especializadas e tamén a través da tenda en liña e das redes sociais da propia marca.
Juan Ramón Martínez Arines, socio impulsor de Artio: "Foi unha experiencia relevante pola formación recibida e os contactos feitos"
Crear unha bebida isotónica a base de auga de mar foi a idea que uníu a Juan Ramón Martínez con Pablo Dosil. O proxecto convenceu tamén ao triatleta Antón Ruanova que se sumou despois á iniciativa. O froito dese emprendemento é Artio, unha empresa que deu os seus primeiros pasos no 2015 e que vén de pechar a súa segunda ampliación de capital na que o grupo Zendal aumentou a súa participación na firma ao tempo que entraron a empresa privada Xénese e a Xunta de Galicia a través de XesGalicia.
"Estivemos case ano e medio parados polo covid-19. Este fin de semana presentamos un novo snack na Feira de Etiqueta Negra"
Detrás do éxito de Artio, coma de calquera deportista, non hai segredos. "Hai moito traballo, esforzo e dedicación", din dende a empresa que conta con deportistas de elite como embaixadores do seu produto.
Ana Peleteiro, Adrián Ben, Teri Portela, Vero Boquete, Borja Golán, Diego Botín e Iago López Marra son algúns dos nomes que teñen probado os productos de Artio e xa os converteron en compañeiros de vida.
"O primeiro que facemos cando temos un novo embaixador é darlle o produto para que o probe durante un tempo e despois, se lles gusta e quedan satisfeitos, vemos as formas de colaborar. Deste xeito, os embaixadores son promotores reais do noso produto: consúmeno porque se sinten a gusto e aprecian os seus beneficios", explica Antón Ruanova.
O catálogo de produtos de Artio está dirixido principalmente a deportistas porque é unha bebida preparada con auga de mar da costa atlántica que contén os mesmos compoñentes que o plasma sanguíneo polo que o organismo absorbe todas as súas sales minerais de xeito inmediato e natural. Ademais, non contén azúcares nen gluten.
Formación. Os promotores deste proxecto, Juan Ramón Martínez e Pablo Dosil, participaron na segunda edición do coworking do Salnés. "Foi unha experiencia bastante relevante porque recibimos unha boa formación, xurdiron contactos, coñecimos a outros emprendedores... Cada proxecto e cada empresa son diferentes, por iso o aproveitamento destas iniciativas non é para todos igual. Con todo, penso que sempre é recomendable un bo coworking para un bo proxecto", relata Juan Ramón Martínez.
"Ao ser unha iniciativa autnómica deume confianza porque entendín que ía ser a primeira interesada en que os proxectos saísen adiante"
"Cando comezas buscas recursos por todas partes e atopar unha formación que sexa realmente interesante é difícil. Hai moita oferta privada que ao final non resulta ser o agardado. Neste caso, ao ser unha iniciativa autonómica, deume confianza porque entendín que a primeira interesada en que os proxectos saísen adiante ía ser a Administración", di.
Juan Ramón Martínez ten experiencia na participación do coworking promovido pola Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Emprego e Industria xa que participou en dúas das súas edicións.
"O primeiro proxecto que plantexei non saíu adiante, por iso podo dicir que tan importante como a formación é o apoio aos emprendedores. É preciso o apoio económico pero tamén dedicándoselle tempo para detectar as carencias dos proxectos. Por exemplo, o marketing e a comunicación son moi importantes para dar a coñecer os novos proxectos e penso que as administracións deberían apoiar tamén nese eido".
Con todo, Martínez explica que o programa formativo foi positivo porque "sempre se aprende". "Neste mundo hai que aprender continuamente... tamén dos erros. Hai que ver o que fas mal e darlle a volta, non só é importante ver o que fas ben", conclúe un dos fundadores de Artio.
Modelo sostible
Outra das liñas será a de promover un modelo enerxético sostible. Entre outras iniciativas, fomentarase o autoconsumo de renovables e a eficiencia enerxética nos fogares e as pemes, e impulsaranse comunidades enerxéticas locais. Tamén se buscará impulsar a economía circular e completar as cadeas de valor.