O Ganapán do Mercado propón actividades para todos os días da ponte

Os obradoiros están destinados a crianzas de catro a dez anos
Participantes nunha anterior edición do Ganapán. RAFA FARIÑA
photo_camera Participantes nunha anterior edición do Ganapán. RAFA FARIÑA

O programa de lecer infantil O Ganapán desenvolverá actividades todos os días da ponte no Mercado de Abastos, segundo informou este mércores a Concellería de Promoción Económica. Os obradoiros están destinados a crianzas de catro a dez anos.

O sábado 4 de decembro iniciaranse cun taller de elaboración de crocantes profiterois, ao que tamén se suma outro de elaboración dunha nave espacial na que non faltará un marciano.

O domingo 5 está prevista unha sesión para aprender a cociñar unha torta de crema con queixo do Cebreiro e, no Espazo Crea, realizarase un traballo onde a reutilización permitirá comprobar como as luvas de lavar a louza se converten en monstros para crear historias coma se fosen monicreques.

Durante o luns 6, festivo, contarán con outro taller de cociña para preparar croissants de mazá e améndoas, ademais doutra actividade de creación de sapos comemoscas con material reciclado.

Xa o martes 7, os participantes cociñarán unha pizza con pera e gorgonzola nun dos talleres, mentres que no outro se elaborarán bonecas caseiras utilizando pinzas.

Finalmente, o mércores 8, tamén festivo, van cociñar unha charlota con froitos vermellos, un doce típico de Francia; e tamén un atrapasoños para colgar na cabeceira das camas dos perquenos.

As crianzas interesadas en participar deberán inscribirse previamente a través do correo [email protected].

Comentarios