O Ganapán pon o disfrace de Entroido para desenvolver un programa de cinco xornadas

Non faltarán orellas, filloas, rosquillas, máscaras e galletas venecianas, así como os antefaces de animais
Un dos últimos obradoiros do Ganapán. RAFA FARIÑA
photo_camera Un dos últimos obradoiros do Ganapán. RAFA FARIÑA

O programa de lecer infantil O Ganapán, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no Gastroespazo do Mercado de Abastos, puxo o disfrace de Entroido para desenvolver un intenso programa de actividades entre o sábado 26 de febreiro e o mércores 2 de marzo. Un plan de diversión inmellorable durante cinco xornadas nas que os pequenos de catro a dez anos terán oportunidade de somerxerse nas festas a través dos produtos gastronómicos máis típicos de Galicia e de divertidos obradoiros nos que poderán confeccionar os mellores complementos para os seus disfraces.

A xolda iniciarase a fin de semana con talleres de elaboración de orellas ao forno e de galletas venecianas (miottini), no Espazo Gastro, e outros de deseño de fociños de animais e de máscaras venecianas, no Espazo Crea.

Ganapan

Segundo avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "para o luns 28 de febreiro temos previsto un programa no que non faltará a nosa sobremesa máis tradicional, as filloas, e no que os nenos e nenas participantes realizarán unhas lentes de festa do máis gracioso", mentres que na xornada do 1 de marzo "os rapaces e rapazas terán ocasión de elaborar unhas deliciosas rosquillas de Entroido e uns antefaces de animais".

Ganapan 2

"Pecharemos o calendario de Entroido do Ganapán o mércores 2 de marzo cun obradoiro no que os pequenos cociñarán unha torta de confetti e un taller de creación de accesorios baseados nos nosos superheroes e superheroínas favoritos", precisou Yoya Blanco.

Ganapán 3

Todos aqueles nenos e nenas que desexen participar nestas actividades deberán reservar a súa praza previamente a través do email [email protected] antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das mesmas. Recoméndase portar friameira para levar a casa todas as receitas elaboradas.