O Ganapán reinicia este xoves as actividades escolares no Mercado de Abastos

Farano cunha visita das mozas e mozos do IES A Xunqueira II ► Os grupos serán dun máximo de oito nenos
Unha edición anterior do Ganapán. EP
photo_camera Unha edición anterior do Ganapán. DP

O Ganapán reiniciará este xoves ás 10.00 horas a súa actividade escolar e familiar no Mercado de Abastos de Pontevedra cunha visita de alumnas e alumnos de 1º curso da Eso do IES A Xunqueira II.

A partir desta semana e ata fin de ano, todos os martes, mércores e xoves, rapaces de distintas idades pertencentes a diversos centros educativos do concello achegaranse ata a Praza para coñecer, de primeira man, a oferta e funcionamento tanto da planta baixa como do primeiro andar.

As visitas faranse en grupos reducidos, cun máximo oito nenos, sempre con máscara e seguindo os protocolos de seguridade anticovid-19.

Tal e como sinala a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, "a actual situación requiriu que a actividade se adaptase, non só no número de integrantes de cada visita (en edicións anteriores cada quenda era de 25 nenos e nenas), senón tamén no que atinxe ao seu percorrido, minimizando o contacto da rapazada co público habitual do Mercado, mantendo as distancias de seguridade cos praceiros e praceiras e utilizando tanto os espazos exteriores coma o primeiro andar, para manter os grupos o máis illados posible".

Esta actividade consiste en visitar distintos postos (carne, peixe, marisco, flores, froita, ultramarinos…), coa finalidade de coñecer os produtos do mercado e establecer contacto cos praceiros e praceiras.

“A finalidade das visitas é dar a coñecer o Mercado e a xente que nel traballa, poñer en valor o espazo e os oficios do mar e da terra e concienciar ás crianzas da importancia de mercar e consumir produtos frescos e de proximidade", explica Yoya Blanco.

O programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica a través de O Ganapán pretende incidir especialmente en conceptos como sustentabilidade, proximidade e ecoloxía, co obxectivo de fomentar hábitos de consumo saudables, respectuosos co medio ambiente e favorecedores da economía local.

Despois da visita, xa no espazo Infantil do Mercado, O Ganapán celebrará actividades de plástica creativa relacionadas cos conceptos explicados previamente, así como xogos e concursos a partir da información recibida.