O Garaxe Hermético convoca un concurso de banda deseñada

O prazo para presentar obras ao certame da escola pontevedresa e da editorial Xerais remata o 30 de outubro
2019081017504248290
photo_camera Cartel. DP

A escola O Garaxe Hermético, que dirixe Kiko da Silva en Pontevedra, vén de facer público que convocará un concurso de banda deseñada. "Estou dobremente contento", comenta ao respecto Da Silva. "Porque, por unha banda, creamos un certame que axudará a desenvolver o cómic en Galicia e, por outra, facémolo en colaboración cun dos selos editoriais máis importantes do país, Xerais, que se involucra desta maneira na publicación e difusión da banda deseñada. Faino ademais confiando no traballo da nosa escola, o que dalgunha maneira respalda a nosa traxectoria".

Segundo recollen as bases do certame, "o obxectivo deste premio é abrir oportunidades profesionais para o alumnado dos cursos profesionais de banda deseñada de O Garaxe Hermético, que está rematando ou xa rematou a súa formación". Ademais, o concurso pretende promover "que a súa primeira obra sexa editada en galego para contribuir á vitalidade da banda deseñada no noso idioma".

Así, o concurso está dirixido exclusivamente ao alumnado da escola convocante que presente traballos en lingua galega. O premio será a publicación da obra na editorial Xerais.

En canto aos traballos, que deben estar dirixidos especificamente ao público infantil e xuvenil, deben axustarse a unha serie de parámetros: entre 48 e 72 páxinas e presentados baixo o sistema de plica (con lema e pseudónimo), entre outras cousas. As bases completas do concurso poden consultarse en www.ogaraxehermetico.com.

XURADO. O xurado do certame estará composto por dous representantes da editorial Xerais e outros dous da escola O Garaxe Hermético, un centro de carácter único en Galicia que funciona en Pontevedra dende 2012. A eles uniranse un ou dous convidados de recoñecido prestixio no ámbito da banda deseñada.

Os orixinais deberán enviarse á dirección do Garaxe Hermético, na rúa Álvaro Cunqueiro, número 4, baixo, en Pontevedra (código postal 36002). No sobre debe indicarse que se dirixe ao I Premio O Garaxe Hermético de Banda Deseañada. A data límite de recepción de obras remata o 30 de outubro.

Segundo anuncia a escola, a decisión do xurado farase pública antes da fin de 2019.

O premio de O Garaxe Hermético únese a outras convocatorias de banda deseñada existentes en Galicia. A máis importante delas é o Premio Castelao, que outorga a Deputación da Coruña.

Comentarios