O gastroespazo do Mercado volve cunha campaña chea de 'Sabores'

Catro establecementos abriron este martes ao públicoe outros dous xa comunicaron a súa intención de facelo na fin de semana
Reapertura do espazo gastronómico do Mercado. CONCELLO
photo_camera Algúns dos paneis informativos instalados no Mercado. CONCELLO

O Mercado de Abastos de Pontevedra estreou na mañá deste martes, coincidindo coa reapertura do seu espazo gastronómico, a nova imaxe e os itinerarios seguros da campaña Sabores, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e Turismo. O gastroespazo regresa cunhas estritas normas de prevención contra a Covid-19, un aforo máximo de 100 asentos (un 40% dos 250 para os que ten capacidade) e uns novos carteis informativos, adhesivos e aplicacións colgantes que lembran as medidas hixiénico sanitarias e establecen os roteiros internos de circulación.

Reapertura do espazo gastronómico do Mercado. CONCELLO (2)

Nesta primeira xornada abriron as súas portas ao público catro establecementos (Olmos Gastrobar, Bar La Plaza, Umami Poke e cervexería Nasa) e outros dous xa comunicaron a súa intención de facelo na fin de semana (Merluzateca e A Viñoteca). Ademais das restricións de aforo, estableceuse un único acceso polas escaleiras da entrada principal (cara a rúa Serra), empregándose as do lado dereito para subir e as da esquerda para baixar e quedando pechadas o resto de escaleiras do edificio. Unicamente pode utilizarse o ascensor da dereita, que ao igual que os aseos terá unha ocupación máxima dunha persoa. Colocáronse dispensadores de hidroxel tanto na entrada como nos aseos.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, desprazouse a media mañá ata as instalacións da rúa Serra para comprobar de primeira man "o cumprimento das normas establecidas e a excelente acollida da recén estreada imaxe". Segundo avanzou, "a medida que se vaia progresando na desescalada irase ampliando o aforo e abriranse as portas laterais, pero seguiranse mantendo medidas de seguridade para protexer a vendedores e consumidores".

Reapertura do espazo gastronómico do Mercado. CONCELLO (4)

"Convidamos a tódolos pontevedreses a achegarse ata o Mercado para consumir os produtos de primeira calidade da planta baixa, xa que, como reza o lema, Aquí hai Sabores, e por suposto para somerxerse neste Camiño de Sabores e de praceres culinarios que nos ofrece o gastroespazo", afirmou a edil do PSOE.

AFORO. O departamento que dirixe a socialista Yoya Blanco estableceu un aforo máximo de 48 cadeiras para a zona da terraza central, 24 para a da galería que dá á avenida de Bos Aires, dez para cada unha das cafeterías (Olmos e La Plaza) e catro en cada un dos laterais adxacentes ás escaleiras de baixada e de subida (lindantes co Sete de Bastos e o Piada Romagnola).

Reapertura do espazo gastronómico do Mercado. CONCELLO (3)

A nova campaña tradúcese nunha "aposta visual chea de vida, optimista, colorista e desdramatizada", unificando ambos andares en base ao concepto de Sabores e adaptando as mensaxes ás circunstancias que se derivan de cada actividade: para a hostalería trazouse un Camiño de Sabores, cun itinerario que os visitantes deben seguir nunha soa dirección para non cruzarse; e para as bancadas e postos de venda directa optouse polo lema Aquí hai Sabores.

Reapertura do espazo gastronómico do Mercado. CONCELLO (5)Os adhesivos para o chan e as aplicacións colgantes teñen forma de corazón e un aspecto colorista, o que simboliza o estado de certa ledicia co que imos afrontar a nova normalidade.

O horario de atención ao público do gastroespazo será de 11:00 a 16:30 horas o martes, mércores e xoves, e de 11:00 a 16:30 e 19:00 a 00:00 horas o venres e sábado. A apertura atrasarase unha hora na xornada do domingo, na que os clientes poderán desfrutar dos establecementos abertos entre as 12:00 e as 16:30 horas.

Comentarios