Gómez Noya súmase ao Efecto PO2 desde a cama

O triatleta protagoniza o segundo microvídeo da campaña, que pretende transmitir que nas rúas de Pontevedra estase #ComoNaCasa

Javier Gómez Noya, durante a rodaxe. CONCELLO (3)
photo_camera Javier Gómez Noya, durante a rodaxe. CONCELLO (3)

Moitos veciños da Boa Vila fixéronse este mércores a mesma pregunta: "¿Cal é o motivo de que o campión do mundo de tríatlon, Javier Gómez Noya, estivese nunha cama na metade da Praza de España?". Pois un efecto... o Efecto PO2. A campaña de Promoción da cidade que dirixe Anabel Gulías continúa a súa andaina, e nesta ocasión conseguiu a participación do triatleta, que colaborou no segundo dos microvídeos cos que a concellaría pretende explicar como o espazo público é a continuidade dos domicilios dos pontevedreses. É dicir, amosar que "nas rúas de Pontevedra estase #ComoNaCasa".

A peza darase a coñecer este venres e está enmarcada dentro da campaña de promoción e difusión da marca cidade Efecto PO2 que amosa un estilo de vida e de respecto polo medio e pola saúde das persoas que ten en Pontevedra un singular exemplo.

Javier Gómez Noya, durante a rodaxe. CONCELLO (1)

O primeiro microvídeo desta serie recollía a unha veciña da cidade que logo de estar lendo tranquilamente no salón da súa casa, quedaba cuns amigos para ir ao teatro. E así, saía do salón directamente á Praza da Ferraría.

Estas accións complementan outras xa realizadas como as pintadas de rúa -CO2 +PO2, que se poden ver en dez puntos diferentes da cidade, e que permite facer un pequeno xogo: canto máis se pise o CO2, só irá quedando PO2.

Tamén inclúe unha campaña de carteleira de máis de 1.000 exemplares con sete imaxes distintas que recollen diferentes puntos fortes do modelo de cidade, para explicar na cidade que é o Efecto PO2. Está instalada en sedes administrativas, establecementos, nos mupis da cidade nos que estarán como referente durante todo o ano.

Outra das accións aínda por iniciar son os faladoiros do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, con diversos persoeiros, que comezarán despois do verán.

O programa de actividades e accións da campaña de comunicación do Efecto PO2 é máis extenso e irase desvelando nas vindeiras semanas e meses.

Comentarios