Gonzo charla este venres con Rafa Cabeleira en 'Conversas na Uvi'

Gonzo. LA SEXTA
photo_camera Gonzo. LA SEXTA

O xornalista Fernando González Gonzo será o protagonista da charla que terá lugar este venres na Casa das Campás, dentro do ciclo Conversas na Uvi, que organizan conxuntamente Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. O columnista Rafa Cabeleira será o encargado de falar co vigués, que actualmente forma parte do equipo de El intermedio, o programa da Sexta que presenta El Gran Wyoming.

A cita de marzo de Conversas na Uvi sofre unha serie de variacións por mor da axenda do xornalista convidado. No canto de celebrarse o último martes do mes, como acostuma a ser a norma, farao o venres. Ademais, en vez de ter lugar ás 20.00 horas, como adoita, será ás 18.00 horas. Mantense a entrada libre e gratuíta ata completar aforo.

Licenciado en Xornalismo pola Universidad Pontificia de Salamanca, Gonzo comezou a súa carreira profesional en distintos medios galegos, antes de dar o seu salto á televisión de ámbito nacional, como reporteiro de Caiga quien caiga, en 2005.

En 2008 presentou El método Gonzo en Antena 3 e xusto despois traballou na Televisión de Galicia no programa A caixa negra. Dende 2010 forma parte de El intermedio. Ademais é autor do ensaio político humorístico ¡Todo por mi país! (Planeta, 2015).

O ciclo Conversas na Uvi iniciouse o pasado mes de outubro cunha conversa entre Ramón Rozas e a escritora Ledicia Costas. Seguíronlle as que mantiveron Rodrigo Cota e o párroco Javier Porro, María Varela e a política Ana Isabel Vázquez, e Carolina Neira e o músico Gonzalo Maceira.

Comentarios