O Gran Irmán da Feira Franca

Un cento de policías, sanitarios, bombeiros e voluntarios velarán pola seguridade durante a festa máis multitudinaria na cidade ▶O plan especial de tráfico obrigará a pechar todo o centro histórico e 14 rúas da súa contorna ▶A Policía Local aconsella limitar o uso do coche
Infografía seguridad Feira Franca 2019

A cidade está a piques de vivir a súa festa máis multitudinaria, a Feira Franca, unha viaxe ao Medievo que o ano pasado congregou a máis de 100.000 persoas, segundo os datos achegados polo Concello. O volumen de ventas, o repunte de solicitudes para instalar mesas e postos e as previsións de bo tempo invitan a pensar que o vindeiro sábado repetirase esa morea de participantes, e mesmo podería superarse.

Os organizadores da festa xa alertaron de que se tocou teito, de que xa non hai xeito de acoller a máis comensais na rúa, nin de introducir máis actividades, nin de prolongar a xa de por si saturada axenda dese día.

Nembargantes, isto non é impedimento para que cada edición supere á anterior en número de participantes, que cada ano sexan máis os visitantes que se achegan á Boa Vila para comprobar, en primeira persoa, como é esa recreación histórica da que todo o mundo fala tan ben.

E aínda que son bastantes os veciños que ese día prefiren fuxir da algarabía provocada pola multitude, o balance sempre cae do lado dos recén chegados.

Para facer fronte a ese torrente humano, a Concellería de Seguridade Cidadá organiza cada ano un amplo dispositivo que mobiliza a máis dun cento de persoas, entre policías municipais, bombeiros, persoal sanitario e voluntarios de Protección Civil.

A maiores, establécense unha serie de pautas para regular a inxente circulación de vehículos que se prevé para ese día, sobre todo durante a mañá. O operativo inclúe o peche de todo o centro histórico e de ata 14 rúas da súa contorna, algunhas de xeito provisional (caso de Santa Clara e Cobián Roffignac durante o traslado do viño) e outras de forma definitiva durante todo o día.

A Policía Local solicita a colaboración cidadá á vez que fai un chamamento á utilización dos aparcadoiros disuasorios (Mollabao, Pavillón de Deportes, explanada do Recinto Feiral, avenida de Bos Aires e Xosé Malvar, A Parda, avenida de Vigo e Pasarón) e, por suposto, apela especialmente aos veciños de Pontevedra para que reduzan o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible.

A montaxe das mesas e os postos nas prazas e rúas da zona monumental poderán desenvolverse entre as 15 e as 19 horas do venres, e entre as 6 e as 10 horas do sábado.

A partires dese momento, quedará totalmente prohibida a circulación de vehículos polo centro histórico, así como polas rúas Arcebispo Malvar, Pardo Bazán, Alameda, Galera, Benito Corbal (tramo peonil), Peregrina, Michelena e, dende as 14 horas, a contorna da Praza de Touros: Víctor Said Armesto, Nostramo Lourido, Pedro Mariño de Lobeira, Celestino Poza Pastrana e Canaval.

De xeito paralelo, non estará permitido estacionar dende as 22 horas do venres na rúa Santa Clara e nos arredores da Praza de Touros, así como na avenida de Bos Aires, entre Alfredo García Hermida e a rotonda da ponte de Santiago.

Certos eventos asociados á Feira Franca tamén poden repercutir na normal fluidez do tráfico dalgunhas rúas. Tal é o caso do Torneo Medieval, previsto para as 17.30 e 20 horas. A previsión é que acudan milleiros de persoas polo que tanto a entrada como a saída afectarán á circulación en Paseo de Colón, San Roque e Avenida de Raíña Vitoria.

VIXIANCIA ESPECIAL. O plan de seguridade estará activo dende as 11 horas do sábado ata as 3 horas do domingo e inclúe unha exhaustiva inspección de tódolos postos por parte de Bombeiros e Policía Local, especialmente aqueles que tiveran indicado a súa intención de facer lume.

Os funcionarios velarán por que se cumpran as normas, como só empregar carbón, dispor de extintores, e ocupar só o espazo autorizado previamente.

Tamén se vixiará porque estean expeditas as rúas contempladas para unha eventual intervención urxente: Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena. Entre elas conforman unha cruz que debería garantir a pronta chegada dunha ambulancia ou dun vehículo de bombeiros. A maiores, contarase cun punto médico avanzado ao carón do Teatro Principal.

Unhas cifras abraiantes que se superan cada ano
A Feira Franca comenzou hai 20 anos coma unha sinxela recreación do privilexio que Henrique IV de Castela otorgou en 1467 a Pontevedra, daquela a cidade máis importante de Galicia: celebrar un mercado libre de impostos dun mes de duración. Co tempo, esta iniciativa calou entre veciños e visitantes ata o punto de medrar a pasos axigantados e acadar cifras mareantes.

100.000 persoas sumáronse á celebración do pasado ano.

400 banquetes na rúa foron autorizados entre preto de medio millar de solicitudes, presentadas por particulares e negocios de hostalería.

70 postos de venta repartiranse polas rúas: 37 centrados na artesanía e 33 adicados á alimentación.

A montaxe da decoración entra na súa recta final

Detalles decorativos una rúa da zona vella. DAVID FREIRE

Os integrantes da Asociación Socioeducativa e Cultural Paspallás continúan a dar os últimos retoques á ambientación que dende hai días vai mergullando á cidade na época medieval. O atrezo dos accesos á zona monumental están practicamente rematados e nestes días estanse a colocar detalles decorativos, algúns de nova creación para esta festa.

Comentarios