O gran parque da Parda, unha prioridade para Lores no seguinte mandato

O alcalde de Pontevedra visita o barrio e asegura que o proxecto será unha das súas primeiras medidas cando chegue á alcaldía ► A parcela contará cun espazo infantil, sendas de paseo e ata un novo pavillón municipal

Miguel Anxo Fernández Lores, xunto a outros membros do partido na ubicación do futuro parque da Parda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Miguel Anxo Fernández Lores, xunto a outros membros do partido na ubicación do futuro parque da Parda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O candidato á alcaldía e rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, visitou este sábado o barrio da Parda acompañado das persoas que integran a súa candidatura para defender a creación do gran parque que se acondicionará entre as rúas das Hortas, Tomás y Valiente, Conde Bugallal, Entrevías e a estación do tren. Son 34.000 metros cadrados –similar á Alameda ou dúas veces Santa Clara– para os que o Concello de Pontevedra xa ten un proxecto de execución valorado en máis de catro millóns de euros.

Fernández Lores explicou que a Parda "é o barrio de maior crecemento da cidade nos últimos anos e queremos que sexa para servizo de todos os seus veciños, un lugar de esparexemento que permitirá conectar co parque lineal dos Gafos". Ademais, este parque permitirá conectar as dúas partes da cidade divididas pola estación do tren "xa que normalmente as estacións xeran problemas e con este parque van a quedar integradas" na trama urbana.

"Levamos tempo traballando neste parque, que xa ten proxecto de urbanización feito. Houbo que incorporar parcelas para facerlle un acceso dende a Parda que so había pola rúa Entrevías", explicou o candidato do BNG.

Terreos que albergarán o parque. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Terreos que albergarán o parque. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O proxecto está concibido como "unha zona verde con parque infantil, hai unha pequena canle de auga que parte dun olleiro na parte máis alta; terá miradoiros e unha gran instalación deportiva que dará servizo a toda a zona leste e sur da cidade", manifestou Lores que apuntou que este pavillón é necesario para atender a especialidades que non dispoñen de espazos de adestramento como a ximnasia ou a escalada.

Os 34.000 metros cadrados completaranse con dúas zonas de estacionamento tanto polo lado da Parda como por Entrevías, que atenderá as demandas da instalación deportiva pero tamén de toda a zona administrativa da Parda. Será un estacionamento en superficie e de balde.

O candidato do BNG anunciou que "a idea é que sexa unha das primeiras obras que executaremos no próximo mandato se estamos no goberno municipal". Tamén recoñeceu que a execución deste parque "faime moita ilusión porque a Parda é unha zona de expansión, preto do centro da cidade, que dará servizo a un barrio que está crecendo, na que vive moita xente nova e moitos nenos. Necesitabamos unha zona próxima de esparexemento e lecer como esta".

Comentarios