O Grao de Deseño terá 260 alumnos e Xestión Pública, 212

O Claustro da UVigo avanzou os trámites das novas titulacións e anunciou que Deseño terá cun laboratorio na Facultade de Belas Artes
undefined
photo_camera Celebración do Claustro da UVigo no campus de Pontevedra, este luns. DUVI

O Claustro, que se desenvolveu na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra, combinando a asistencia presencial e virtual, deu tamén o seu visto e prace ao informe sobre a creación de tres centros docentes, que constitúe un novo paso no procedemento para a posta en marcha das futuras facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública, no campus de Pontevedra e Relacións Internacionais, en Ourense.

Como explicou o vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado, Manuel Ramos, tralo informe favorable do Claustro, as memorias deberán ser aprobadas polo Consello de Goberno, para logo obter o informe do Consello Social antes de ser remitidas ao Consello Galego de Universidades para que, finalmente, a creación dos centros sexa aprobada polo Consello da Xunta e incorporados ao Registro Universitario de Centros y Titulaciones (RUCT).

Dúas destas facultades están vinculados á creación de dúas novas titulacións, o Grao en Relacións Internacionais, que será interuniversitario e impartirase xunto coa Universidade da Coruña; e o Grao en Deseño, que se atopa pendente da aprobación da súa memoria por parte da Xunta, explicou Ramos.

No caso da Facultade de Deseño, no campus pontevedrés, esta terá como sede o espazo destinado á UVigo no edificio da Xunta en Benito Corbal, "aínda que algún laboratorio específico quedaría na Facultade de Belas Artes".

O novo centro, explicou Ramos, albergará tanto o futuro Grao en Deseño, como o Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda e estímase que contará con 260 alumnos e alumnas e 22 profesores equivalentes a tempo completo.

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu o Claustro da Uvigo

Tamén en Pontevedra, a Facultade de Dirección e Xestión Pública compartiría edificio coa actual Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, onde se imparten as dúas titulacións que se adscribirían ao novo centro. Trátase do Grao en Dirección e Xestión Pública, que no presente curso convertíase no primeiro do SUG en contar cunha modalidade totalmente virtual, e o mestrado online en Dirección e Xestión Pública.

Segundo a memoria, contaría con 212 estudantes e 41 docentes, 16 deles docentes "con dedicación total ás titulacións da facultade", explicou Ramos.

FINANCIAMENTO. A UVigo abandonou a súa aposta por adquirir edificios na rúa López Mora de Vigo e realizar unha nova construción nos terreos da antiga ETEA da cidade olívica tras coñecer os resultados dunha enquisa á comunidade universitaria. Así o anunciou o reitor, Manuel Reigosa, no marco do claustro.

O reitor remarcou a necesidade de artellar "algún mecanismo compensatorio" que permita ás universidades manter "as capacidades docentes, de investigación e de transferencia" ante unha previsible futura baixada do número de estudantes. Tamén previu que se alcance algún acordo sobre o novo plan de financiamento do sistema universitario galego coa Xunta en setembro.

Aposta pola transparencia 
A UVigo presentou este luns o informe de transparencia. Neste sentido, a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Maribel Doval, destacou que esta é a única universidade española que publica as retribucións íntegras percibidas polo equipo de goberno. Así a Fundación Compromiso e Transparencia, no seu informe de 2019 coloca á Universidade de Vigo no terceiro posto. Do mesmo xeito, na clasificación da entidade Dyntra, a UVigo acadou a segunda posición.

Comentarios