"Grazas a vós somos unha cidade feminista"

O CEIP San Martiño e o IES Sánchez Cantón levan os primeiros premios Ernestina Otero polos seus proxectos de igualdade ► Os segundos recaeron no CEIP de Marcón e no IES Luis Seoane ► Cris de Caldas deulle a volta a uns contos
Por esta orde: grupos do IES Sánchez Cntón, CEIP San Martiño e IES Luis Seoane; foto xeral do público no Principal e grupo do CEIP de Marcón tras recibir os premios.
photo_camera Un dos grupos premiados. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

O CEIP San Martiño na categoría de Educación Infantil e Primaria e o IES Sánchez Cantón na de ESO e postobrigatoria non universitaria foron os dous centros educativos gañadores dos V Premios Ernestina Otero, que pretenden valorar os proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero e que supoñen un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidade.

A entrega destes galardóns está incluída dentro da programación do 25-N e estivo presidida pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, quen recordou que a convocatoria tamén pretende "facer unha sentida e merecida homenaxe á figura de Ernestina Otero Sestelo, mestra que traballou incansablemente por mellorar a calidade do ensino e, sobre todo, por estendelo a toda a poboación, moi especialmente ás nenas".

                      Por esta orde: grupos do IES Sánchez Cntón, CEIP San Martiño e IES Luis Seoane; foto xeral do público no Principal e grupo do CEIP de Marcón tras recibir os premios.
Grupo do IES Luis Seoane. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

No acto, celebrado onte no Teatro Principal, participaron tamén o CEIP Marcón —que levou o segundo premio da súa categoría—, o CPR Sagrado Corazón de Placeres, o IES Valle Inclán —que recibiu unha mención do xurado "polo traballo realizado en tan só sete meses de vixencia e pola boa acollida e participación de seu alumnado"—, e o IES Luis Seoane de Monte Porreiro, que mereceu o segundo posto na súa modalidade.

Gulías subliñou que "hai canteira" e que grazas a esta comunidade educativa "podemos presumir de cidade feminista". No seu primeiro ano no xurado afirmou que a calidade dos proxectos presentados foi "altísima", polo que os animou a "non deixar de presentarse" a este certame.

O CEIP San Martiño gañou o primeiro premio polo proxecto Xogaldade: xogando en igualdade, por buscar a reflexión do alumnado a partir das experiencias propias, procurando a implicación igualitaria nos coidados e no xogo simbólico e avanzar na superación dos estereotipos de xénero nos xoguetes, conseguindo un impacto directo no alumnado e nas familias.

                      Por esta orde: grupos do IES Sánchez Cntón, CEIP San Martiño e IES Luis Seoane; foto xeral do público no Principal e grupo do CEIP de Marcón tras recibir os premios.
Grupo do CEIP de Marcón tras recibir os premios. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

En segundo lugar quedou o CEIP de Marcón co proxecto A memoria da auga: lavandeiras e lavadoiros de Marcón, polo marco metodolóxico empregado, baseado no traballo interdisciplinar outorgándolle un papel activo ao alumnado e traballando as competencias sociais e cívicas e poñendo en valor a cultura popular da contorna e os valores da igualdade.

En canto aos institutos, o IES Sánchez Cantón mereceu o primeiro premio grazas á iniciativa Adiantadxs, por aplicar unha perspectiva integradora, esforzándose en desenvolver actividades que cheguen a toda a comunidade educativa e establezan sinerxias entre axentes sociais da cidade partindo dunha visión do proxecto como servizo á comunidade.

                      Por esta orde: grupos do IES Sánchez Cntón, CEIP San Martiño e IES Luis Seoane; foto xeral do público no Principal e grupo do CEIP de Marcón tras recibir os premios.
Grupo do CEIP San Martiño. JAVIER CERVERA - MERCADILLO

O segundo posto foi para o grupo Neofem do IES Luis Seoane, co proxecto Igualdade desde a transversalidade, pola diversidade e continuidade nas actividades realizadas, contemplando o factor da multiculturalidade e incidindo na construción dun espazo igualitario e seguro que sexa atractivo nos seus valores, pero tamén na súa alegría.

O evento completouse cunha sesión da contadora Cris de Caldas, que lle deu a volta a tres contos en clave feminista e igualitaria, desde as princesas á Carapuchiña.

Comentarios